Tensión entre os Estados Unidos e a Unión Europea polas políticas económicas proteccionistas

O novo escenario global reanima o vello debate entre liberalismo e proteccionismo.
Os EUA, México e Canadá acordaron a pasada semana desenvolver estratexias conxuntas para evitar as importacións aos tres Estados de América do Norte (Foto: Jacky Muniello / DPA)
photo_camera Os EUA, México e Canadá acordaron a pasada semana desenvolver estratexias conxuntas para reducir as importacións aos tres Estados de América do Norte (Foto: Jacky Muniello / DPA)

Os presidentes dos Estados Unidos de América (EUA) e México, Joe Biden e Andrés Manuel López Obrador, así como o primeiro ministro do Canadá, Justin Trudeau, anunciaron a pasada semana a creación dun Comité para a substitución de importación como conclusión da Cimeira de Líderes de América do Norte.

“Acordamos fortalecer as nosas relacións económicas e comerciais para o que se creará un comité conxunto destinado ao planeamento e á substitución de importacións en América do Norte, para procurar ser cada vez máis autosuficientes”, dixo López Obrador ao respecto.

Un paso que afonda no xiro dos EUA de cara á imposición de políticas proteccionistas, que están a xerar preocupación na Unión Europea (UE), acrecentada depois da Lei para a Redución da Inflación (IRA), aprobada nos EUA a finais de 2022, que contempla un paquete de 369.000 millóns de dólares en subsidios para potenciar o investimento no país norteamericano -e que exclúe ás empresas da UE-, mentres que Bruxelas leva varias semanas advertindo de que podería prexudicar á industria da UE, en particular á do automóbil, á das baterías ou á das enerxías renovábeis.

Por outra parte, con respecto aos aranceis impostos polos EUA a varios produtos agrícolas que exporta a UE, John Clarke, da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, denunciou a pasada semana a actitude estadounidense, que cualificou de "un caso de proteccionismo flagrante", considerando "inaceptábel que infrinxan as súas obrigas ante a Organización Mundial do Comercio (OMC)".

Mais tamén hai críticas á inversa. Desde o 1 de xaneiro entrou en vigor o Axuste de Carbono en Fronteira (CBAM polas súas siglas en inglés) na UE, que gravará os bens importados con alta pegada ambiental. Aínda que será aplicado primeiramente aos produtos seleccionados a través un sistema simplificado, a intención da UE é que sexa plenamente operativo en 2026.

A medida, que entrou en vixencia de forma paulatina desde o 1 de xaneiro de 2023, afectará en principio as exportacións dun grupo de produtos intensivos en carbono como ferro, aceiro, cemento e fertilizantes, e estenderase a outros como madeiras, papel e alimentos de cara ao horizonte de 2026.

Unha cuestión que está a ser criticada por algúns dos principais socios comerciais da UE desde a súa entrada en vigor, entre eles os EUA, que sinalan que o imposto ao carbono é en realidade unha forma de proteccionismo da industria europea.

Estas tensións polas acusacións cruzadas de proteccionismo entre os EUA e a UE súmanse á situación derivada da invasión rusa de Ucraína e das posteriores sancións de Occidente, que desataron un aluvión de barreiras á exportación e importación nos mercados internacionais.

"Unha espiral de proteccionismo"

Un contexto que preocupa aos defensores das teorías liberais. Tanto é así que a revista The Economist, cuxo primeiro número foi publicado en 1843 e que segue unha liña editorial liberal que apoia a liberdade económica, o libre comercio e a globalización, vén de publicar un artigo no que afirma que "o abandono do presidente Joe Biden das regras do libre mercado por unha política industrial agresiva asestoulle un novo golpe" ao sistema ecónomico liberal.

"A consecuencia inmediata -das políticas industriais de Joe Biden- foi desencadear unha perigosa espiral de proteccionismo en todo o mundo", prosegue a publicación da revista de tendencia liberal, algo que podería rematar "pondo en perigo as causas da democracia liberal e do capitalismo de mercado", afirma a publicación.

"Indonesia prohibiu as exportacións de níquel", explica o artigo, e "a República Arxentina, Bolivia e o Chile pronto poden colaborar, ao estilo da OPEP -Organización de Países Produtores de Petróleo-, na produción das súas minas de litio", acrecenta o artigo publicado por The Economist.

Desta maneira, o novo escenario global no que os Estados afrontan a crise enerxética e inflacionista intentado defender as súas industrias está a pór en dúbida a eficacia das políticas de libre mercado, e polo tanto, reanimando o vello debate económico entre liberalismo e proteccionismo.

Comentarios