Unha folga de 48 horas paraliza Grecia

Fontes sindicais aseguran que a primeira xornada de folga convocada en Grecia os días 6 e 7 de novembro está a ter unha participación masiva no sector público e privado.
photo_camera Praza Syntagma (@attikipress)

Estacións de metro baleiras, comercios fechados, traballador@s en loita. Así amencía Grecia esta terza feira na primeira xornada dunha folga xeral que durará 48 horas.

Os sindicatos convocantes cifran nun 90% o seguimento a primeira hora desta mañá, a máis do 100% nas refinarías e portos do Estado. Tanto o sector público como o privado apoiaron a xornada de loita convocada en rexeitamento á nova vaga de recortes que o goberno heleno pretende aprobar cos Orzamentos de Estado para o 2013.

Neste sentido, fontes policiais aseguran que arredor dunhas 45.000 persoas enchían a praza Syntagma ás 12.00 a.m, hora en que estaba convocada a primeira das mobilizacións. Entre as persoas manifestastes, moit@s traballador@s amosaban o seu desprezo ás políticas do executivo liderado por Antoni Samarás. "Síntome traizoado polo goberno" aseguraba un fontaneiro grego a unha axencia de noticias. Aliás, denunciaba que as políticas desenvolvidas --de acordo coas exixencias da troika-- "son para facernos traballar máis por menos diñeiro".

"As políticas do goberno son para facernos traballar máis por menos diñeiro", asegura un traballador grego

Os plans do goberno heleno apuntan cara á implementación de novos recortes orzamentarios, o aumento dos impostos e o despedimento colectivo de empregad@s do sector público (arredor de 25.000 segundo fontes sindicais). Asemade, Antoni Samarás prevé aliás aumentar a idade de xubilación até os 67 anos e reducir as axudas ás persoas desempregadas --que xa foron reducidas con anteriores medidas.

Comentarios