A última sondaxe en Alemaña sitúa o SPD perto de asaltar a Chancelaría

Os socialdemócratas empatan coa CDU de Merkel.
EuropaPress_3823033_02_july_2021_us_washington_german_finance_minister_olaf_scholz_waits_in
photo_camera Olaf Scholz, candidato do SPD (Foto: Bernd Von Jutrczenka / Dpa)

A cinco semanas das eleccións xerais en Alemaña do 26 de setembro, os dous partidos que integran o Goberno, "a gran coalición" entre a Unión Demócrata Cristiá (CDU) e o Partido Sociademócrata (SPD), empatan en porcentaxe de intención de voto, segundo a última enquisa publicada.

O bloque conservador ─do que fan parte a CDU e a súa filial en Baviera, a CSU─ obtería 22% dos sufraxios, idéntico resultado que a formación progresista. É a primeira vez desde a primavera de 2017 que o SPD alcanza o partido da chanceler saínte, Angela Merkel, na sondaxe que publica a radiotelevisión pública xermana, Deutsche Welle

A CDU-CSU perdeu tres puntos na última semana, mentres que o SPD gañou dous e xa supera amplamente ─as últimas cinco enquisas constatan a tendencia─ o partido dos Verdes, malia o ascenso meteórico dos ecoloxistas no último ano.

Para o resto de formación políticas, as estimacións mantéñense estábeis: Os Verdes perden un punto até 17%; e os liberais do Partido Democrático Libre (FPD) gañan un e colócanse con 13%. Tamén sobe un punto porcentual, a 12%, Alternativa por Alemaña (AfD, extrema dereita). Die Linke, o partido máis á esquerda do arco parlamentario, non varía e fica en 7%; mentres que outras formacións minoritarias se repartirían o 7% restante.

Este resultado obrigaría á negociación dunha nova coalición de Goberno. A actual entre CDU e SPD, cos datos desta última enquisa, non podería repetir ─tras oito anos─ sen a entrada dunha terceira formación.

"Coalición semáforo"

Para o SPD, un partido que se consideraba desafiuzado, suporía un éxito lograr este resultado electoral vaticinado. Especialmente para o seu candidato e actual vicepresidente do Goberno alemán, Olaf Scholz: aínda que o SPD quedase segundo podería acabar converténdose en chanceler.

Isto sucedería entrando na coñecida como "coalición semáforo", polas cores identificativas dos partidos: vermella, o SPD; amarela, o FPD; e a verde dos ecoloxistas. Nas enquisas de popularidade, Scholz supera o resto dos rivais. Mesmo sería o favorito para presidir o Goberno entre os votantes do FPD. 

Cómpre salientar que Scholz procede da corrente máis conservadora economicamente dentro do SPD, algo que lle fai gañar puntos entre os liberais. Como partido, os socialdemócratas buscarán pór en valor os avances en protección social destes últimos anos e dos que ─láianse─ tirou sempre maior rédito político a xefa do Goberno, principal activo político da CDU

Comentarios