Futuro máis 'negro' para Os Verdes alemáns

Alternando escándalos, tanto Os Verdes, que hai un mes lideraban nas enquisas, como a CDU, que corre o perigo de perder o terreo recuperado nas últimas semanas, semellan non querer sentenciar a carreira electoral até o día mesmo das eleccións. Uns Verdes e unha CDU que, así a todo, poderían acabar gobernando xuntos.
EuropaPress_3743978_29_may_2021_south_africa_johannesburg_german_minister_of_health_jens_spahn
photo_camera O ministro de Sanidade alemán foi acusado de entregar máscaras defectuosas a persoas vulnerábeis (Foto: Christoph Soeder / dpa)

A finais de abril consumábase o sorpasso nas enquisas, cos Verdes superando por vez primeira en intención de voto á Unión Demócrata Cristiá (CDU) de cara ás xerais do 26 de setembro. Coincidía no tempo coa designación dos candidatos a presidir o Goberno por cada unha das dúas formacións: por un lado, a ecoloxista Annalena Baerbock; polo outro, o conservador Armin Laschet.

Os Verdes ascendían ao ronsel do "efecto Baerbock", en tanto que a CDU sufría o desgaste da loita interna entre un impopular Laschet e Markus Söder, líder da CSU ─a formación irmá da CDU en Baviera─ e favorito nas sondaxes para votantes e elites económicas. Laschet acabou vencendo para alegría da oposición.

As feridas dentro da Unión ─a alianza entre a CDU da aínda chanceler Angela Merkel e a CSU bávara─ deixaron un regueiro de sangue do que se alimentaron Os Verdes, que en contraste tiveron un proceso de elección de candidata de forma pacífica e consensuada. 

Porén, a mediados de maio o suflé comezouse a desinchar, dando conta de que o camiño até setembro é moi longo e de que a CDU, tras 16 anos no Goberno, segue a ser moita CDU: o partido onde en Alemaña acaban caendo os votos dos indecisos.

Paga de Nadal e Ucraína

Foron Baerbock e Robert Habeck, colíderes dos Verdes, os que insuflaron aire á formación negra, cor que identifica a CDU. O 21 de maio, a primeira recoñecía que non incluíra na súa declaración de bens ao Parlamento a paga de Nadal do partido entre 2018 e 2020. "Axiña me decatei rexistreino retrospectivamente", explicou. "Foi un descoido parvo", engadiu.

Porén, este era o tipo de munición que a Unión necesitaba para volver á batalla, subliñando a "hipocrisía" de Baerbock, que se presenta como valedora da transparencia. E do partido no seu conxunto. "Que os críticos co capitalismo estean a pagar bonificacións aos seus líderes polos éxitos é grotesco", criticou Markus Blume, secretario xeral da CSU, en referencia a que parte destas pagas extras están vinculadas aos recentes éxitos electorais dos Verdes.

Poucos días despois, tamén Habeck púñase el e o partido no centro das críticas tras unha visita a Ucraína. Alí avogou por facilitar armas ao país, dentro do delicado conflito que mantén con Rusia e do que está pendente toda a comunidade internacional. 

Tanto os seus rivais políticos como os medios alemáns criticaron a lixeireza das declaracións, nunha cuestión diplomática do máis alto nivel. Ademais, en contra dos ideais pacifistas que defenden Os Verdes no seu programa.

As manifestacións foron especialmente criticadas polo líder de Die Linke ("A Esquerda"), que dixo sentir "horror" ante a evolución da formación ecoloxista. "Mais tamén tomei nota das críticas de parte dos Verdes" , afirmou Dietmar Bartsch nunha entrevista no diario Rheinische Post, engadindo que a esquerda é "o único partido pola paz" no Bundestag. 

Medo á AfD

O estancamento dos Verdes e o rexurdir da CDU nas enquisas fixéronse carne o domingo nas eleccións de Saxonia-Anhalt, land de Alemaña do Leste. Especialmente para os segundos tratábase dunha proba de fogo para verificar que aínda contan con opcións de ser primeiros en setembro. Máis aínda tras os discretos resultados nos comicios rexionais de marzo, os dous primeiros dos seis convocados ─alén das xerais─ neste Superwahljahr ("súper ano electoral").

O medo á vitoria da extrema dereita de Alternativa para Alemaña (AfD) mobilizou os indecisos e xogou en favor da CDU de Laschet, que aumentou en 7,3% o seu apoio. Os Verdes, malia tratarse dun Estado inclinado á dereita e cun perfil menos cosmopolita que o seu votante habitual, aguantaron (+0,7%), en tanto que o Partido Social Demócrata (SPD) caeu.

A media das enquisas que recompila Politico sitúa a CDU en cabeza con 25%. Por detrás estarían Os Verdes (23%) e a máis distancia SPD (15%), o liberal FDP (Partido Democrático Libre, 13%), AfD (11%) e Die Linke (7%). 

Máscaras 'envelenadas'

Non recollen estas sondaxes, porén, a opinión pública a respecto dun último escándalo que ameaza con frear a remontada da CDU. A revista Der Spiegel revelaba esta fin de semana que o ministro de Sanidade, Jens Spahn, tería entregado máscaras defectuosas contra o virus a persoas necesitadas e con dificultades económicas. A sabendas de que eran defectuosas.

Na primavera de 2020, a comezo da pandemia, Alemaña comprou un elevado número de máscaras á China por un valor de mil millóns de euros. Resultaron non ser efectivas e o departamento de Spahn, supostamente, buscou darlles saída.

Saskia Esken, líder do SPD ─socio de coalición da CDU no Goberno federal─, pediu onte a dimisión de Spahn. E desde o FDP tamén afirmaron ter "a impresión de que os procesos que agora se coñecen sobre o pedido de máscaras son só a punta do iceberg", e solicitaron abrir unha investigación ao respecto, segundo recolleu o diario Der Tagesspiegel

Spahn recibiu o apoio público de Laschet, que enmarcou as acusacións na campaña electoral e cualificounas de "humana e obxectivamente inaceptábeis". E tamén, privadamente, de Merkel e doutros líderes do partido nunha reunión da CDU na fin de semana, apuntou onte Der Spiegel

Con todo, este novo traspés permite aos Verdes recomporse e ver o futuro menos negro. Algo máis 'negro', mais non completamente 'negro'. Se cadra verde escuro. 

"Xamaica" e "semáforo", as coalicións posíbeis

A tradición pactista alemá explica que dous partidos a priori opostos ideoloxicamente, a CDU e o SPD, compartan Goberno. O transitar dos Verdes nos últimos anos cara a posturas máis afastadas da esquerda clásica, e unha posíbel aposta de Laschet pola versión máis "centrista" da CDU tras os resultados en Saxonia-Anhalt, poderían agora facilitar un acordo estres estas dúas forzas, coa dúbida de saber se habería unha chanceler ecoloxista ou un conservador. 

Quizais contando co apoio do FDP, que co amarelo que o identifica, daría unha coalición tripartita "Xamaica". A primeira deuse en 2009, tras as eleccións de Saarland, cando Os Verdes desbotaron unha vermella-vermella-verde (con SPD e Die Linke) e decantáronse por CDU e FDP.

Aínda que Os Verdes, que serán decisivos, poderían optar pola coalición "semáforo" con SPD e FDP. Todo dependerá do resultado ─malo ou menos malo─ dos socialdemócratas.

Comentarios