A UE acorda fixar un prezo máximo para as compras de petróleo ruso

Edificio atacado en Mykolaivka. (Foto: Andriy Andriyenko / Zuma Press / ContactoPhoto)
Os EUA enviarán 625 millóns de euros en armas a Kíiv, e suman arredor de 17.000 millóns de euros en armamento enviado desde finais de febreiro. Ao tempo, a UE impulsa un novo paquete de sancións en contra de Rusia.

Os Estados membro da Unión Europea (UE) decidiron onte impulsar unha nova rolda de sancións en contra de Rusia, tras formalizar o presidente Vladimir Putin a incorporación dos oblast de Donetsk, Luhansk, Khersón e Zaporijia.

Entre as medidas adoptadas está fixar un tope ao prezo do petróleo procedente de Rusia, extremo perante o que Moscova advertiu que implicará non vender aos países da UE. Amais, limita a importación de produtos rusos e a exportación de tecnoloxía.

Aínda así, non se inclúe un límite ao prezo das compras de gas natural, que esta semana volveu propor a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, que reaccionou ás sancións destacando que “estamos determinados a continuar facendo que o Kremlin pague”.

Bulgaria ergue parte das sancións

Xustificándose nas dificultades para acceder a carburantes, o Goberno búlgaro fixo público que permitirá ás empresas rusas provedoras de combustíbel para vehículos a motor incumprir as sancións aprobadas pola UE e operar no país até finais de 2024.

Amais, os Estados Unidos (EUA) anunciaron un novo paquete de armas destinado a Ucraína de 625 millóns de euros. Desde finais de febreiro Washington enviou arredor de 17.000 millóns de euros de armamento ao país.

Asemade, o presidente dos EUA, Joe Biden, sancionou unha lei que bloquea os fondos propiedade do Fondo Mundial Internacional resgardados no país que terían que ir dirixidos a Rusia e Belarús.

Pola súa banda, o voceiro do Kremlin, Dimitri Peskov, confirmou o avance ucraíno no plano militar nas últimas xornadas e reiterou que as zonas “temporalmente abandonadas” serán recuperadas.