Andrés Piqueras, sociólogo: "A UE é unha construción estadounidense para a subordinación de Europa"

O sociólogo valenciano Andrés Piqueras visita estes días Galiza para participar nas xornadas 'Un mundo en transformación' organizadas polo Foro Soberanista. Aproveitando a súa presenza no país, analiza para 'Nós Diario' a actual conxuntura política e económica e pon enriba da mesa as súas alternativas.
Andrés Piqueras intervén o domingo 24 no Foro Soberanista. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Andrés Piqueras intervén o domingo 24 no Foro Soberanista. (Foto: Nós Diario)

—A situación económica centra neste momento o debate social e político, máis aló dos síntomas da crise que monopoliza a discusión pública na actualidade, cales cre que son as causas da mesma?
As razóns da crise son sistémicas e radican na enfermidade crónica que sacode ao capitalismo, a sobre acumulación de capital, que entraña unha menor utilización de forza de traballo por unidade de capital posto a producir, o que fai que cada vez haxa máis capital investido por unidade de valor (e por tanto de plusvalor) que se é capaz de xerar. A partir de aí, desátase toda unha cadea de procesos de dislocación do capitalismo: financiarización, exacerbación do capital ficticio, sobre endebedamento globalizado, invención de “diñeiro máxico” ou creado ex nihilo, sobre explotación da natureza e da forza de traballo, apropiación da riqueza colectiva e inxente transferencia de recursos sociais a mans privadas, expansión do valor negativo... Tamén a guerra como forma de ganancia e de saída pasaxeira ante a decadencia.

—Hai toda unha corrente de opinión que trata de responsabilizar a guerra de Ucraína da situación económica, en todo caso, que cre que realmente está en disputa neste conflito?
O conflito de Ucraína é parte da Guerra Total desatada polo hegemón mundial, Estados Unidos, xunto con Inglaterra (o eixo anglosaxón que domina o mundo desde o século XVIII) e por extensión os seus reféns subordinados europeos, contra a nova orde mundial en cernes, para tratar de abortalo.

Formulado doutra maneira, Estados Unidos non vai permitir que sexa relevado sen guerra, sen provocar canta destrución poida contra o mundo multipolar non imperialista que se está construíndo ao redor do proxecto de infraestruturas, comercial, económico e enerxético da China, coa alianza estratéxica de Rusia. Para destruír a ruta  chinesa non dubidou en devastar países enteiros como Afganistán, o Iraq, o Iemen, Siria, Somalia, Sudán, Libia…ten acurralado o Irán e agora acurrala tamén Paquistán, por falar só de Asia central e occidental e do noroeste africano.

Nese enfrontamento, o eixo anglosaxón decidiu atacar primeiro Rusia, á que xulgan máis vulnerábel. En contra das aparencias e do que nos venden continuamente os nosos medios, a guerra de Ucraína é máis unha guerra de Estados Unidos contra Rusia que de Rusia contra Ucraína.

Europa está en gran parte ocupada militarmente polos Estados Unidos

—Vén analizando desde hai algúns anos, na liña de varios autores, que Estados Unidos é unha potencia en decadencia. En que fundamentas esa análise e como o sostén neste contexto de guerra de Ucraína, onde Estados Unidos é capaz de colocar tras se si a práctica totalidade dos Estados europeos?
Porque a CECA, o Mercado Común Europeo (daquela rebautizado eufemisticamente como UE), así como a OTAN, son construcións estadounidenses para garantir a súa subordinación. Europa está en gran parte ocupada militarmente polos Estados Unidos, que hoxe están a realizar aquí un antiplan Marsahall, esixindo aos seus subordinados que se suiciden economicamente.

Os líderes europeos, a súa clase capitalista, están a sacrificar as súas sociedades porque para empezar nin atopan nin conciben un mundo sen o seu amo, sen o paraugas nuclear estadounidense, e logo porque de xeito evidente hai un proceso de implosión controlada das economías por parte da clase capitalista global, en orde a  xestionar o derrube civilizatorio.

—Precisamente un dos actores no conflito, Rusia, pasa por ser un sólido aliado da China, quen disputa a Estados Unidos a hexemonía económica. Ve China adiantando os Estados Unidos a curto prazo?
De feito xa é a primeira economía en termos de paridade de poder adquisitivo e en saldo neto económico, se contamos haberes e débedas. Hai moitas máis razóns que se evidenciarán aínda máis ao final desta década, se non se chega á destrución total.

—É un dos pensadores críticos europeos que máis esforzos teóricos ten dedicado ao combate ideolóxico, de feito no seu último libro trata a decadencia da política, como está afectado esta á esquerda?
Está a sumala á in-política de dúas maneiras principais, ben sexa abrazando o apoliticismo, ou nas súas versións máis extremas, a antipolítica, ben facéndoa partícipe de propostas e accionares políticos inocuos para a acumulación de capital, perfectamente integrados dentro da súa orde. Convertida, en suma, en “esquerda do sistema".

Comentarios