O Reino Unido enviará armamento a Ucraína por valor de 1.167 millóns

Os buques cheos de gran volven partir da cidade ucraína de Zaporizhia, baixo control das forzas rusas.
Porto de Berdiansk, en Zaporizhia. (Foto: Bartos HD)
photo_camera Porto de Berdiansk, en Zaporizhia. (Foto: Bartos HD)

O Reino Unido prometeu esta quinta feira un novo paquete por valor 1.000 millóns de libras esterlinas (1.167 millóns de euros) en apoio militar a Ucraína. Este novo paquete incluirá "sofisticados sistemas de defensa aérea, vehículos aéreos non tripulados e novos e innovadores equipos de guerra electrónica".

Pola súa parte, o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, anunciou esta quinta feira a ruptura de relacións diplomáticas co Estado sirio despois de que as autoridades de Damasco recoñecesen a cuarta a independencia das repúblicas de Donetsk e Lugansk.

Por outro lado, as autoridades da rexión ucraína de Zaporizhia, actualmente baixo control ruso, indicaron que a saída dun primeiro buque mercante do porto de Berdiansk con 7.000 toneladas de gran após obter o control da cidade e tras varios meses de inactividade portuaria.

Crimes de guerra

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, denunciou novamente que as políticas ucraínas contra a poboación na rexión do Donbás supoñen "un xenocidio" e "crimes contra a humanidade", á vez que reclamou "regulacións legais flexíbeis" para abordar os principais problemas internacionais.

Putin indicou que estas regulacións son necesarias para abordar asuntos como o cambio climático, a loita contra a fame, a estabilidade dos mercados dos alimentos, a enerxía e o control de armas.

"Todas estas áreas requiren unha regulación legal adecuada e flexíbel, cun traballo conxunto. Tras iso, non haberá crise como a que atravesa o Donbás para protexer aos seus habitantes dun xenocidio", explicou Putin. "As accións do réxime de Kiev non teñen outra definición que as de crime contra a humanidade", agregou.

Pola súa parte, a organización non gobernamental (ONG) Amnistía Internacional denunciou esta terza feira que o ataque perpetrado o 16 de marzo polas forzas rusas contra o teatro da cidade de Mariupol, supuxo "un claro crime de guerra" que se saldou coa morte de polo menos unha decena de persoas.

En termos similares se expresou outra ONG, Human Rights Watch (HRW), sobre o ataque do pasado 27 de xuño ao centro comercial de Kremenchuk, en Ucraína. "Causou unha perda devastadora de vidas civís", afirmaron, polo que instaron a que o incidente se investigue como "un posíbel crime de guerra".

Porén, sobre se a infraestrutura era empregada como almacén de armamento, HRW explicou que non puido verificar nin refutar até o momento se o complexo industrial algunha vez se usou con fins militares.

Comentarios