Ucraína corta o subministro de gas ruso á Unión Europea polo seu territorio
Ucraína cortou onte o subministro de gas natural ruso polo seu territorio aos estados de Austria, República Checa, Eslovaquia, Eslovenia, Hungría, Italia e Moldova.
A decisión provocou un incremento no prezo deste hidrocarburo en todo o mundo, situándose en 536 dólares por 1.000 metros cúbicos, tras aumentar o seu custo ao longo de 2024 en 45%.
A medida adoptada polo Executivo de Volodímir Zelenski, derivada da expiración do acordo de tránsito coa gasista rusa Gazprom, ameaza con continuar aumentando os custos de produción do sector industrial na Unión Europea.
A operadora do gas ucraína, GTSOU explicou onte a súa decisión sinalando que “ás 7 da mañá do 1 de xaneiro de 2025 expirou o Acordo de Interacción entre GTSOU e Gazprom para os puntos de interconexión física entre os sistemas de transporte de gas de Ucraína e Rusia, de data 30 de decembro de 2019”.
Na mesma dirección, indicou que, en consecuencia, puxo fin "ao transporte de gas natural desde o punto de entrada de Sudzha, na fronteira oriental de Ucraína, até os puntos de saída nas fronteiras occidental e meridional”.
A empresa pública rusa do gas, Gazprom, referiuse onte tamén a esta situación, afirmando que, “debido á negativa repetida e claramente expresada pola parte ucraína a renovar estes acordos, Gazprom vese privado da capacidade técnica e legal de fornecer gas para o tránsito polo territorio de Ucraína”.
Esta medida afecta de forma especial Austria, Eslovaquia, Hungría e Moldova, países nos que o gas procedente de Rusia polos gasodutos ucraínos representa 70% do seu consumo interno total, significando para o conxunto dos 27 estados da UE o 15%.
Concretamente, as exportacións de gas ruso á Unión incrementáronse en 20% nos primeiros 11 meses de 2024 a pesar da política de sancións.
Reaccións
As restricións de Ucraína ao transito do gas ruso polo seu territorio xeraron reaccións contrapostas entre as autoridades dos estados da UE. Mentres o mandatario eslovaco, Robert Fico, e o húngaro, Viktor Orbán, cargaron contra o Executivo ucraíno por "incumprir os seus compromisos internacionais", as autoridades comunitarias sinalaron que “o gas que transita actualmente ao ano a través de Ucraína pode ser totalmente substituído por GNL (gas natural licuado)”.