A 80 días do golpe do Estado: cara á onde vai o conflito na Ucraína?

Após a independencia de Crimea e os referendos en Donetsk e Lugansk, expertos e analistas apuntan diferentes escenarios nos que podería evoluír o violento conflito desatado logo da toma do Goberno de Kiev por grupos dereitistas, con presenza moi relevante de neonazis, que gozaron da complicidade occidental.

Mariupol-contra-blindados-exercito
photo_camera O povo de Mariupol repelindo a ofensiva do exército leal a Kiev [Foto: Contrapoder]


Tras a realización de referendos en varias cidades do leste de Ucraína, que se saldaron cun clamoroso apoio popular (por acima do 90%) á independencia das rexións de Donetsk e Lugansk, sucédense as reaccións. Kiev, a UE, a OTAN e os EUA non recoñecen a independencia de ambas as dúas rexións. Rusia expresou o seu respecto cara aos resultados. Que pode acontecer de agora en diante? Cales son os escenarios posíbeis nos que pode evoluír a crise na Ucraína?

O goberno golpista podería optar por facer un inda maior uso da forza contra as rexións rebeldes

As respostas a estas cuestións van desde quen defende unha divisón pactada do país como a que propón o analista Eugene Rumer da Fundación Carnegie (EUA),  as teses que sosteñen que se producirá un efecto dominó con novos focos secesionistas, até quen -como o economista Paul Craig Roberts- advirte do risco dun conflito atómico derivado dos desexos dos EUA de "reanudar a Guerra Fría con Rusia" para asegurar o seu dominio mundial. 

Decorridos 80 días do golpe de Estado, promovido por grupos fascistas e apoiado pola OTAN, a UE e os EUA, coa deposición do presidente Vitor Yanukovich o pasado 22 de febreiro, o país enfronta o risco certo de fragmentación e a ameaza dunha escalada no conflito que o leve extramuros das súas fronteiras. 

O analista arxentino Gáleb Moussa alerta dun recrueamento do conflito a consecuencia da previsíbel reacción de Kiev que non recoñece nin os referendos celebrados nin os seus resultados. En opinión de Moussa, o goberno golpista podería optar por facer un inda maior uso da forza contra esas rexións. Previsión que ficaría verificada polo inicio do asalto por parte do exército ucraíno contra a cidade de Slaviansk horas despois de coñecidos os resultados do referendo de independencia.

Donetsk e Lugansk proclamáronse estados soberanos e veñen de solicitar a súa adhesión á Federación Rusa. Desde Moscova a reacción oficial limitouse a expresar respecto pola vontade popular expresada nas consultas e instou a abrir unha liña de diálogo de Kiev con ambos os dous territorios, agora formalmente independentes.

Efecto dominó

Expertos sinalan que os referendos realizados así como a reacción violenta por parte do goberno golpista de Ucraína pode resultar no "contaxio" secesionista cara á outras rexións do país. Ese hipotético efecto dominó tería as súas próximas fichas nas rexións de Járkov, Jersón e Odessa. Nesta última tivo lugar a queima da casa sindical por parte de elementos fascistas leais a Kiev que resultou na morte, por incineración, de varias decenas de civís, varios deles militantes da esquerda e, singularmente, do Partido Comunista.

Járkov, Jersón e Odessa poderían ser as vindeiras fichas no "efecto dominó" secesionistas

Aliás, o masacre perpetrado o propio 9 de maio na cidade de Mariupol e que resultou en 7 mortos e máis de 40 feridos a mans do exército ucraíno, que disparou contra civís e empregou tanques para disolver unha concentración que conmemoraba a derrota do nazismo, alentou a formación de milicias populares na rexión de Járkov que xa representaba o polo de resistencia máis potente e organizada fronte Kiev.

O contaxio non se limitaría apenas ao leste do territorio da actual Ucraína. En troca, podería ter focos no propio oeste maioritariamente prooccidental. Así, Hungría demandou que se lle outorgue status autónomo a súa poboación emigrada, tamén en Ucraína. Petición que poderían subscribir Polonia e Romanía, quen xa distribuíu 100.000 pasaportes en Chernivtsi.

Sancións contra Rusia e "Xenebra II"

A Unión Europea reaxiu perante os referendos que cualificou de ilegais con novas sancións. Os ministros de exteriores da Unión engadiron 13 cidadáns rusos e dúas empresas crimeas á lista de "negra" que prohibe aos incluídos nela entrar no territorio da UE e operar con bancos europeos, e que xa contabilizaba 48 persoas.

Existe división entre os Estados da Unión Europea a respecto de endurecer as sancións contra Rusia

Polo momento non se acordaron outras sancións de maior relevancia como estabelecer restricións económicas e comerciais ao non existir consenso ao respecto. De feito, segundo revelou Russia Today --a partir de fontes diplomáticas da axencia  Itar-Tass-- dez estados opuxéronse a endurecer as sancións. Entre eles votaron en contra o Estado español, Grecia, Portugal ou Finlandia. Pola súa banda, Canadá elevou a 26 o número de cidadáns rusos e ucraínos que figuran na súa lista negra. Os EUA limitáronse, polo momento, a rexeitar o resultado dos referendos e a expresar o seu apoio aos comicios presidenciais promovidos desde Kiev.

A UE aposta nunha nova conferencia en Xenebra que a OSCE descarta polo momento

O Consello de ministros de Exteriores da UE amosouse tamén partidario de se realizar unha nova cimeira sobre a situación en Ucraína.  "O Consello expresa o seu apoio a unha próxima convocatoria dun novo encontro ministerial semellante á Conferencia de Xenebra para garantir o pleno cumprimento do acordo (alcanzado nas primeiras negociacións) coa axuda da OSCE", recolle a resolución adoptada.

A primeira conferencia de Xenebra tivo lugar o pasado 17 de abril. Nela os EUA, Ucraína e máis Rusia comprometéronse a unha saída pacífica da crise. O acordo incluía entre outras medidas o desarmamento de grupos ilegais, desocupar as sedes institucionais ou o inicio dun diálogo para reformar a constitución. Porén, nas súa meirande parte os acordos ficaron en papel mollado e a ofensiva do exército de Ucraína contra os territorios do Leste para submeter as rexións rebeldes supuxo a súa quebra definitiva. Polo momento a OSCE descarta a convocatoria dunha nova cimeira e instou as partes a daren cumprimento ao xa acordado.

Comentarios