O clima da guerra fría volve marcar as relacións entre Rusia e os Estados Unidos

As tropas rusas inician o repregamento na península de Crimea.
Dimitri Medvedev, vicepresidente do Consello de Seguridade ruso (Foto: Europa Press)
photo_camera Dimitri Medvedev, vicepresidente do Consello de Seguridade ruso (Foto: Europa Press)

O Consello de Seguridade de Rusia comparou esta sexta feira, 23 de abril, o estado das relacións bilaterais cos Estados Unidos de América (EUA) coa situación durante a crise dos mísiles en Cuba de 1962 e dixo que "calquera paso erróneo" pode expor unha ameaza de confrontación militar directa".

O vicepresidente do organismo, Dimitri Medvedev, que previamente foi presidente e ex primeiro ministro ruso, sostivo esta sexta feira que "calquera paso erróneo ou falta de paciencia [...] pode afundir todo o mundo nun abismo de problemas complicadísimos". Medvédev asegurou que "a presión de sancións, ameazas, conflitos, protección dos intereses egoístas, todo iso suma o mundo nunha incerteza permanente".

Así, Medvedev preguntouse se a Administración estadounidense "será capaz de conseguir 'a sabedoría de compromiso' á que chegaron os líderes dos países participantes da crise dos mísiles dos anos sesenta do século pasado".

Aliás, esta sexta feira, o Ministerio de Defensa ruso asegurou que a Forza Aérea interceptou un avión espía estadounidense  RC-135 que se achegaba ás costas do país no océano Pacífico, aínda que cambiou de rumbo ante a aproximación. "Os radares detectaron un obxectivo aéreo que se aproximaba ás nosas fronteiras. Un MiG-31 alzou voo para identificalo e impedir que viole o noso espazo aéreo", resaltou o Ministerio de Defensa.

Repregamento en Crimea

Segundo confirmou o Ministerio de Defensa ruso, as súas tropas iniciaron este 23 de abril un repregamento na península de Crimea, tras participar nunha serie de manobras militares. Esta decisión podería axudar a reducir as crecentes tensións bilaterais con Ucraína e a UE.

As relacións entre Moscova e Occidente empeoraron desde o conflito interno na Ucraína e a adhesión de Crimea a Rusia, após o referendo de 2014. Ese mesmo ano, os EUA, a UE e outros países aprobaron paquetes de sancións contra Rusia polo seu papel na crise ucraína. 

Alexei Navalni abandona a folga de fame

O político ruso Alexei Navalni anunciou este 23 de abril que abandonaba a folga de fame que comezou hai 23 días, despois de que o persoal médico o advertira de que, se seguía adiante con ela, podería pór en perigo a súa vida.

Navalni, considerado por países de Occidente líder da oposición, detallou en Twitter que continuará exixindo a visita dun facultativo porque perdeu a sensibilidade nas pernas e brazos. Precisamente comezou a folga para denunciar o seu estado e reclamar a visita dun médico. 

Comentarios