Tsipras clausura o congreso de Syriza cunha chamada a "reconstruír o estado social"

Alexis Tsipras foi reeleito líder da coligazón co 92,4% dos apoios. 

Tsipras nun acto da Syriza
photo_camera Tsipras nunha intevrención no Congreso

Pasaron 21 meses daquel xaneiro de 2015 no que Syriza gañaba as eleccións gregas co 36,3% dos escanos e coa promesa de poñer fin ás políticas austericidas que Atenas aplicaba por mandato da Troika. Semella quepasou un século e que aquela coligazón e aquela mensaxe ficaron diluidas nalgún ponto do camiño. A Syriza que este domingo puxo o ramo a catro días de Congreso está 'tocada', con enquisas indicando que perdería até 15 puntos e o desánimo cundindo en boa parte da militancia e base social. Unha sondaxe de 'Avgi', próximo a Syriza, indicaba que o 90% dos gregos non estaba de acordo co traballo feito polo goberno de Tsipras.

Era o primeiro congreso dos 'syrizos' desde a súa chegada ao poder e o segundo da súa historia. Alexis Tsipras foi releito como líder cun apoio esmagador, o 92,4%. Os críticos foron baixando do barco ao longo destes meses, primeiro Varoufakis, despois os sectores que xerminarían Unidade Popular... O 'Movemento dos 53', corrente liderada polo ministro E. Tsakalotos no que acobilla o sector máis crítico da coligazón, deixou claro antes do congreso que non procuraba divisións nin fendas e que cumpría unidade. Porén, un dos seus representantes, o ministro Dritsas afirmou no transcurso da cita que eles estaban polo “si a un goberno de esquerdas” mais “non a un goberno a calquer prezo”.

“Xestores da miseria”

Tsipras chamou a “reconstruír o estado social que destruíron os gobernos anteriores” e anunciou que se está a traballar nun programa de reconstrución económica e social que se completará en 2021. O “socialismo do séxulo XXI”, dixo, é o horizonte de Syriza. Falou no seu discurso de erguer unha “alianza estábel europea” entre os países do sur de Europa e cualificou como “inviábel” que Grecia saia do euro, “nomeadamente de cinco anos de saqueo dunha cuarta parte da nosa riqueza nacional”.

Dixo que o goberno grego ten por diante tres meses que van ser fulcrais “para decidir” se se converten en “xestores da miseria” ou non. Grecia está agora a negociar a segunda revisión do rescate. Atenas cumpríu as 15 medidas exixidas polos poderes políticos e económicos mais agora fica esta segunda revisión.

Comentarios