Cimeira e represión

Trump promete a Johnson un grande acordo comercial nun G7 marcado pola represión policial

Donald Trump anuncia “un grande acordo comercial” co Reino Unido unha vez Boris Johnson efectúe o Brexit. Mentres, Emmanuel Macron pula por autoerixirse líder da Unión Europea recollendo o legado da Alemaña de Angela Merkel. As protestas sociais continúan arredor da cimeira capitalista con cargas policiais onde se empregan botes de fume, lanzamento de auga e de pelotas. Detivéronse arredor de 90 persoas nas rúas e nos controis de acceso a Francia.

Cimeira do G7 [Imaxe: @G7]
photo_camera Cimeira do G7 [Imaxe: @G7]

O presidente dos Estados Unidos anunciou este domingo 25 de agosto no marco da cimeira capitalista do G7 un acordo comercial de grandes dimensións co Reino Unido en canto Boris Johnson efectúe o Brexit.

Donald Trump fixo esta promesa durante un encontro bilateral mantido na mañá deste domingo 25 de agosto á marxe do G7, aínda que se desenvolveu na mesma cidade en que se realiza a cimeira capitalista das 7 potencias.

Pola súa banda, o primeiro ministro británico, que pretende levar a cabo a saída da UE o vindeiro 31 de outubro, sinalou que a entrada no mercado estadounidense podería traer grandes oportunidades para as empresas do seu país.

Trump desmentiu as informacións que apuntaban a existencia de tensións cos outros 6 mandatarios, e chiou nas súas redes sociais que “está a ter moi boas reunións, os líderes están a levarse moi ben".

As autoridades francesas informan que a pasada sexta 22 de agosto detiveron 17 persoas e que foron 68 as apresadas o sábado

Represión policial no G7

As autoridades francesas informan que a pasada sexta 22 de agosto detiveron 17 persoas e que foron 68 as apresadas o sábado no marco das protestas contra a cimeira do G7.

As detencións producíronse maiormente nas localidades de Urruña, onde a policía impediu unha marcha de 250 persoas. A represión policial chegou ao campamento do contracumio organizado por G7EZ onde se realizaban debates e palestras. En Baiona as detencións producíronse sobre todo na tarde do sábado con cargas en que a policía empregou auga, botes de gas e lanzamento de pelotas.

Sobre as persoas detidas pesa a acusación policial de participar en concentracións “organizadas con fins violentos, ocultar o rostro ou lanzar proxectís”.

Arrestan o histórico dirixente da esquerda abertzale Joseba Alvarez

Tamén se produciron arrestos en controis de estrada como o do organizador do contracumio e histórico dirixente da esquerda abertzale Joseba Alvarez. Medios vascos indican que Alvarez fora detido anteriormente por organizar actos contra o G7 e, por iso, tiña prohibido entrar en Francia. O histórico abertzale participou onte con total normalidade na manifestación pacífica convocada polas plataformas  Alternatives G7 e G7EZ que reuniu 15.000 persoas desde Hendaia a Irun contra o capitalismo, baixo o lema Non ao  G7, construíndo outro mundo.

O responsábel de Internacional da CIG, Xosé Lois Reibera, que participou no contracumio, declarou a Sermos Galiza que a presenza policial era “incríbel” e esaxerada e que estivo presente constantemente tamén nas inmediacións dos lugares en que se desenvolveron as actividades.

Reaparecen os 128 retratos ‘secuestrados’ de Macron 

Retratos de Macron retirados de edificios públicos desde o mes de febreiro polo movemento ecoloxista vasco e francés reaparecen na mobilización que este domingo 25 de agosto recorre as rúas de Baiona contra a cimeira capitalista do G7 na cidade vasca de Biarritz (baixo administración do Estado francés).

Comentarios