Manifestantes saíron ás rúas de cidades de todo os Estados Unidos máis unha noite para protestaren pola morte do cidadán negro George Floyd a mans da Policía cando estaba a ser detido. Mais non só, o racismo institucional e as disparidades sociais e económicas existentes na sociedade estadounidense están a levar as mobilizacións a un nivel máis profundo.
Segundo informan os medios do país, a tensión foi máxima nos arredores da Casa Branca, onde as forzas de seguridade fixeron uso de gases lacrimóxenos e balas de goma para dispersaren a multitude, co obxectivo de que o presidente, Donald Trump, puidese visitar a igrexa de Saint John. A alcaldesa de Washington, Muriel Bowser, cualificou como "vergoñenta" e "sen provocación" a actuación policial.
Para chegar ao templo cómpre atravesar a praza Lafayette, que albergou as protestas dos últimos días. Trump abandonou a residencia oficial e atravesouna camiñando. Xa fronte a coñecida igrexa da capital posou cunha biblia na man. Na segunda feira celebrouse a Pascua de Pentecostés, e o mandatario quixo facer unha chiscadela á súa base de votantes evanxelistas.
Trump recomendou "encarecidamente" aos gobernadores dos Estados ─que teñen a competencia─ despregaren a Garda Nacional "en cantidades suficientes". En caso contrario "despregarei o Exército e rapidamente resolverei o problema por eles", indicou nun discurso pronunciado desde a Casa Branca.
O candidato demócrata á Presidencia, Joe Biden, acusouno no Twitter de "usar" o Exército "contra o pobo", "por unha foto". "Polas nosas crianzas, polo espírito do noso país, temos que derrotalo. Mais falo en serio cando digo isto: só o podemos facer xuntos", engadiu.
Pola súa banda, Barack Obama, primeiro e único presidente negro do país (2009-2017) e con quen Biden foi vicepresidente os oito anos, condenou a violencia e pediu canalizar a ira con pacifismo e política. Fíxoo a través dun ensaio publicado no blog Medium.
Manifestacións globais
En Nova York, aínda que na súa maioría as marchas foron pacíficas, producíronse disturbios esporádicos nalgunhas partes de Manhattan. O alcalde, Bill de Blasio, estendeu o toque de queda a medida que a violencia medraba.
Eric Garcetti, rexedor de Los Angeles, onde tendas e edificios foron saqueados, pediu manifestacións sen violencia, para non prexudicar os avances logrados polo movemento Black Lives Matter. A morte de Floyd ─dixo─ foi "inhumana" e reclamou que se fixese "xustiza".
En Dallas, a Policía tamén utilizou gases lacrimóxenos. Houbo varias detencións malia que, segundo a CNN, as protestas eran pacíficas. En Atlanta, onde se despregou a Garda Nacional, producíronse 52 arrestos tras enfrontamentos cos manifestantes concentrados. Tamén en Richmond usáronse gases lacrimóxenos.
Tamén arredor do mundo as protestas van a máis. En Rio de Janeiro, Amsterdam, París ou Londres houbo manifestacións convocadas por organizacións de loita contra o racismo. Tamén en Australia, Alemaña, Irlanda ou Grecia hai previstas máis marchas. No Reino Unido, exixiuse que o Goberno suspenda a exportación de material antidisturbio aos EUA, en cumprimento da lei que obriga a o facer en casos de represión interna.
Autopsia
Nas últimas horas, ademais, fixéronse públicas a autopsia oficial e a encargada pola familia de George Floyd. Ambas as dúas contradín á versión das autoridades. Sinalan que faleceu "por asfixia producida por compresión do pescozo e as costas, que desencadeou a suspensión do rego de sangue ao cerebro". Como consecuencia, segundo os documentos, a causa da morte é "homicidio".
A autopsia da familia foi dirixida por Michael Baden, ex director de Patoloxía Forense de Nova York e asesor científico do comité do Congreso que investigou o asasinato do presidente John Fitzgerald Kennedy.
A versión oficial das autoridades do condado de Hennepin, en Minnesota, sosteñen que "non hai achados que apoien un diagnóstico de asfixia traumática ou estrangulamento", e que o falecemento de Floyd foi causado por enfermidades coronarias, hipertensión e polo uso de substancias ─que non especifica se son legais ou non─ que lle causaron unha "intoxicación".
Deportistas
Cada día son máis os atletas profesionais nos EUA, onde os xogadores negros son maioría nas grandes ligas, nomeadamente no fútbol americano e no baloncesto, que mostran a súa solidariedade coas protestas. Entre estas están estrelas históricas da NBA, como Michael Jordan e Magic Johnson, ou actuais, como LeBron James. Tamén o golfista Tiger Woods emitiu onte un comunicado neste sentido. Ademais, o campión de boxeo Floyd Mayweather ofreceuse a pagar o funeral de George Floyd.