Estados Unidos

Cuarta imputación de Donald Trump, acusado agora de tentar manipular os resultados das eleccións de 2020

"Trump e os outros acusados negáronse a aceptar que perdeu, e uníronse a propósito e de forma voluntaria a unha conspiración para cambiar ilegalmente o resultado das eleccións a favor de Trump", reza a acusación, que o ex mandatario ve como unha "caza de bruxas" contra el ás portas duns novos comicios.
Donald Trump, nun acto de campaña en novembro de 2020. (Foto: Michael Brochstein / ZUMA Wire)
photo_camera Donald Trump, nun acto de campaña en novembro de 2020. (Foto: Michael Brochstein / ZUMA Wire)

Donald Trump e outras 18 persoas veñen de ser imputados pola súa tentativa de interferir nas eleccións presidenciais de 2020, a cuarta causa xudicial aberta contra o ex presidente dos Estados Unidos, que porfía na teoría da "caza de bruxas" política contra el orquestrada, supostamente, polo Goberno de Joe Biden. Os supostos delitos remóntanse aos caóticos meses posteriores aos comicios, cando Trump se resistía a admitir a súa derrota nas urnas e emprendeu todo tipo de argucias para reverter o resultado, incluída unha polémica chamada ao secretario de Estado de Xeorxia, o republicano Brad Raffensperger, na que o chamaba a "atopar" os votos que lle faltaban —perdera nese estado por apenas 12.000 sufraxios—.

E precisamente foi un gran xurado de Xeorxia o encargado de presentar a imputación contra Trump, que quedou acusado de trece cargos, "incluída a violación da lei de Xeorxia contra o crime organizado, conspirar para suplantar a un funcionario, presionar para que un funcionario traizoe o xuramento do seu cargo e conspirar para presentar documentos falsos e conspirar para perpetrar falsificación nunha 'asociación delituosa' na que tamén participaron outra trintena de persoas, non incluídas no prego de cargos".

En total, o magnate e ex mandatario e o resto de persoas imputadas, entre as que figuran algúns dos máis estreitos colaboradores, como John Eastman, Rudy Giuliani ou Mark Meadows, enfróntanse a 41 cargos promovidos pola fiscal Fani Willis, do condado de Fulton. Todos eles incorrerían nunha "actividade criminal" co único obxectivo de esquivar a derrota electoral.

Así, Trump foi acusado por exemplo de incitar funcionarios públicos, entre eles o ex vicepresidente Mike Pence, a violar o seu xuramento, realizar declaracións falsas, distribuír documentos fraudulentos en colexios electorais, acosar os traballadores electorais tras a súa derrota en Xeorxia e cometer diferentes actos de obstrución. "Trump e os outros acusados negáronse a aceptar que perdeu, e uníronse a propósito e de forma voluntaria a unha conspiración para cambiar ilegalmente o resultado das eleccións a favor de Trump", reza a acusación.

"Esa conspiración contiña un plan e propósito común para cometer dous ou máis actos de actividade de chantaxe no condado de Fulton, Xeorxia, noutros lugares de Xeorxia e noutros estados", engade. Tamén alegou o xurado que Trump e os seus colaboradores "dedicábanse a diversas actividades delituosas relacionadas entre si tales como "suplantación da identidade dun funcionario público, tratar de subornar a testemuñas, roubo informático, violación informática, invasión informática da intimidade, conspiración para defraudar ao Estado e actos relacionados co roubo e perxurio".

Willis anunciou unha orde de arresto contra os acusados, aínda que lles deu até o 25 de agosto para "entregarse voluntariamente". A Fiscalía pretende axuizar Trump nos próximos seis meses, proceso que xa foi asignado ao xuíz do Tribunal Superior do condado de Fulton Scott McAfee.

Pola súa parte, Trump reaccionou á imputación falando de novo dunha suposta "caza de bruxas" contra el, e afirmou que a fiscal do caso está "fóra de control e é moi corrupta". "Por que non me imputaron hai dous anos e medio? Porque querían facelo en metade da miña campaña política", sentenciou, a través das redes sociais. E en declaracións a Fox News incidiu nesta mesma tese e emprazou a Willis a "centrarse nas persoas que amañaron as eleccións presidenciais de 2020, non en quen pide respostas polo que ocorreu", dando así renda solta a unha teoría conspiratoria para a que seguen sen existir probas case tres anos despois da votación.

Comentarios