A xustiza venezolana confirma a inhabilitación da opositora María Corina Machado para as presidenciais de 2024

O Tribunal Supremo de Venezuela ratificou esta sexta feira a inhabilitación por 15 anos da candidata de "unidade" da oposición para os comicios presidenciais deste ano, María Corina Machado, xunto á doutros opositores como Henrique Capriles, quen non poderá ocupar cargos públicos ata 2032.
María Corina Machado, líder da oposición venezolana. (Foto: Europa Press / Jimmy Villalta).
photo_camera María Corina Machado, líder da oposición venezolana. (Foto: Europa Press / Jimmy Villalta).

María Corina Machado non poderá concorrer ás eleccións presidenciais que terán lugar en Venezuela este 2024.

A xustiza venezolana estabeleceu "sancións de inhabilitación" á cidadá María Corina Machado "por 15 anos" por ser " participe da trama de corrupción orquestrada polo usurpador Juan Guaidó, que propiciou o bloqueo criminal á República Bolivariana de Venezuela, así como tamén o despoxo descarado das empresas e riquezas do pobo venezolano no estranxeiro, coa complicidade de gobernos corruptos", determinou o alto tribunal, segundo recolle o diario El Nacional.

Pola súa banda, Machado lamentou a través da rede social X, antes Twitter, que "o réxime decidiu acabar co Acordo de Barbados" con esta decisión, pero asegurou que "o que non se acaba" é a súa "loita pola conquista da democracia a través de eleccións libres e limpas".

"Maduro e o seu sistema criminal escolleron o peor camiño para eles: unhas eleccións fraudulentas", denunciou a candidata opositora, advertindo que "iso non vai pasar". "Que ninguén o dubide", apostilou María Corina Machado.

Máis inhabilitacións

O Tribunal Supremo de Venezuela (TSX) confirmou ademais a inhabilitación das dúas veces candidato presidencial Henrique Capriles, quen continuará sen poder postularse a cargos públicos até o ano 2032, o que lle impide concorrer ás urnas nos comicios deste 2024.

O alto tribunal concretou que a solicitude de revisión presentada polo ex gobernador "non cumpre cos requirimentos estabelecidos" no acordo asinado entre o Goberno e a oposición venezolana para o estudo destes casos, recolle o mesmo medio.

"O que nunca poderán inhabilitar é o sentimento de cambio dos venezolanos. O soño de ter un país onde a Constitución e as leis sexan iguais e respectadas por todos [...] Unha Venezuela para todos, democrática, onde teñan todos as venezolanos oportunidades, prosperidade, onde ninguén se vaia e os que se foron poidan regresar porque o seu país é terra de benestar", expresou Capriles a través da mesma plataforma social.

A confirmación do TSX chega despois de que o presidente da Asemblea Nacional de Venezuela, Jorge Rodríguez, asegurase esta quinta feira que María Corina Machado non podía presentarse aos comicios e despois tamén de que a alianza opositora Plataforma Unitaria denunciase "unha nova onda represiva" e de "violación de Dereitos Humanos" por parte do Goberno de Nicolás Maduro contra algunhas destacadas figuras da oposición que, din, están a ser perseguidas, secuestradas e encarceradas.

Comentarios