luns 01.06.2020

Tres trens xa están listos para trasladar pacientes de Madrid

Ante o colapso da sanidade na capital española.
Tren de Renfe (Europa Press)
Tren de Renfe (Europa Press)

O Goberno español xa ten preparados tres comboios medicalizados para poder transportar pacientes de coronavirus de  Madrid a outros territorios do Estado e "poranse en marcha" no momento en que "se requira", afirmou onte o ministro de Transportes, Jose Luis Ábalos.

Sobre esta cuestión tamén se pronunciou onte o titular de Sanidade no Executivo español, Salvador Illa, quen salientou que  as autoridades sanitarias teñen preparados dispositivos de traslado de pacientes en UCI desde comunidades autónomas saturadas a outras que teñan as súas unidades de coidados intensivos máis despexadas.

Porén, Illa puntualizou que os traslados "de momento non fan falla" e sinalou que á hora de realizalos, estudarase en cada caso se o movemento pode prexudicar a situación do paciente.

Segundo informou onte tamén  a operadora ferroviaria Renfe, trataríanse de tres comboios de alta velocidade (AVE) da serie 730, fabricados pola empresa Talgo, con capacidade para 18 pacientes cada un deles. Este tipo de tren foi elixido porque se trata dun comboio híbrido, polo que ten capacidade para circular tanto polas vías de alta velocidade como por calquera outro tipo de camiños de ferro, e desprázase tanto con tracción eléctrica como con diésel.

Para a medicalización destes comboios, Renfe asegurou estar en contacto coas autoridades sanitarias, que son as que determinan as necesidades e as dotacións que debe ter o transporte, sinalou a operadora. Polo momento, a compañía quitou os asentos para que se poidan colocar as camas nos trens.

A compañía Talgo salientou, pola súa banda, que os comboios medicalizados son de piso baixo, sen escaleiras nas portas de acceso e con todo chan situado á mesma altura, "o que facilitará e axilizará o traslado de pacientes en camas". Segundo Renfe, nos trens viaxará o persoal sanitario que as autoridades determinen, así como mecánicos da propia operadora ferroviaria e as maquinistas. Os vehículos desinfectaranse despois de cada traxecto.

Desde Renfe indicaron que se habilitarían máis trens para o transporte de pacientes en caso de ser necesario.

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, non desbotou acoller pacientes doutras comunidades no Sergas se o Goberno español o solicita.

comentarios