Transnistria demanda a Rusia que a "protexa" da "crecente presión" moldova

Madrid reclama que Pablo González sexa xulgado o "antes posíbel".

Tiráspol, a capital de Transnistria. (Foto: Diego Herrera / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Tiráspol, a capital de Transnistria. (Foto: Diego Herrera / Zuma Press / Contactophoto)

O Consello Supremo de Transnistria, república independente de facto dentro das fronteiras moldovas recoñecidas internacionalmente, aprobou hoxe solicitar a Rusia que implemente “medidas para protexer” o territorio “no contexto da crecente presión por parte de Moldova”.

Nese sentido, acúsaa de lanzar “unha guerra económica contra Transnistria, creando deliberadamente as condicións previas para un déficit orzamentario multimillonario”, así como de “aspirar a destruír o sistema sanitario” por medio do “bloqueo da subministración de medicamentos e equipos médicos”.

A tensión entre Moldova e Transnistria intensificouse cando o primeiro acabou coas exencións arancelarias do segundo o pasado 1 de xaneiro, ao tempo que as autoridades de Tiráspol, a capital transnistria, denunciaron que Chisinau está a adestrar combatentes para atacala.

Ao demandar a asistencia rusa, o territorio destacou “a experiencia positiva única da misión rusa para o mantemento da paz”, despregada tras a fin da guerra civil en Moldova en 1992, amais de que máis de 220.000 persoas con cidadanía rusa residen alí.

En 2006, levou a cabo un referendo no que a inmensa maioría da poboación rexeitou a integración en Moldova e apoiou a adhesión a Rusia. Galina Antiufeieva, vicepresidenta do lexislativo, sostivo que pretenden "atraer mediadores estranxeiros para resolver" o conflito.

Arredor da guerra en Ucraína, país fronteirizo con Transnistria, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, transmitiu que proporá que o bloque comunitario efectúe compras militares conxuntas, como xa se fixera coas vacinas da Covid-19 ou o gas natural.

Ao tempo, insistiu en que se debería discutir usar os beneficios xerados polos activos rusos conxelados polos Estados membros ou da contorna da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) para mercar munición destinada a Kíiv.

No tocante a Pablo González, o xornalista vasco encarcerado en Polonia desde o 28 de febreiro de 2022 acusado de ser un espía ruso, mais contra o que non se presentaron probas nin foi sometido a xuízo, o titular de Exteriores español, José Manuel Albares, reclamou que sexa xulgado o “antes posíbel”.

Comentarios