Transnistria pide o recoñecemento "pacífico" da súa independencia

O presidente Krasnoselski ironizou sobre que "após os ataques terroristas" da última semana "o mundo parece lembrar a existencia de Transnistria".
Transnistria está separada do resto de Moldavia polo río Dniéster. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Transnistria está separada do resto de Moldavia polo río Dniéster. (Infografía: Nós Diario)

O presidente de Transnistria, Vadim Krasnoselski, reclamou esta sexta feira o recoñecemento "pacífico" e "a través da mesa de negociacións" da independencia deste territorio, independente de facto, mais sen recoñecemento internacional da súa separación do Estado moldavo.

"Cantas veces fixen a pregunta sobre se é preferíbel un recoñecemento a través da guerra e o derramamento de sangue ou unha vida pacífica sen ser recoñecidos pola comunidade internacional?", dixo, antes de incidir en que "a resposta é obvia".

"Transnistria debe ser e será recoñecida, pero de forma pacífica, na mesa de negociacións, a través dun diálogo. O proceso debe ser exclusivamente democrático, sen hostilidades nin perdas", explicou Krasnoselski.

Así, recalcou que "ninguén quere unha guerra" e engadiu que "non hai necesidade de azuzar as chamas con provocacións". "A poboación de Transnistria sabe o que é unha guerra e aprecia a paz. Non hai necesidade de buscar ou crear artificialmente sucesos perigosos a través da vía informativa", reiterou.

"Ninguén fala dun silencio, en absoluto, pero non hai necesidade de sementar o pánico entre a cidadanía", manifestou, antes de apuntar que as autoridades traballan para "desenvolver a economía" e mellorar a calidade de vida da poboación.

Críticas ao repentino interese por Transnistria

Krasnoselski indicou que "após os ataques terroristas" da última semana no territorio, "o mundo parece lembrar a existencia de Transnistria". "Os teléfonos non paran de soar. Todo o xornalismo internacional espertouse con estas explosións", argüiu.

"Por que estiveron xordos ante o destino da república durante tres décadas? Por que nosas actividades, logros e dificultades foron ignorados ou mencionados só brevemente?", preguntouse. "Por que nos ignoraron cando chamamos a todas as portas pedindo axuda?", criticou.

Comentarios