Análise

Transnistria no crebacabezas postsoviético e a guerra de Ucraína

A guerra en Ucraína volveu pór Transnistria e a súa situación política no mapa, devolvendo o risco de escalada militar a esta república independente escindida de Moldova após o conflito bélico en 1992, e na que se están a producir diversos ataques cuxa autoría está en discusión.
mapa-transnistria
photo_camera Localización de Transnistria no leste de Europa. (Infografía: Nós Diario)

A República Moldova de Pridnestrovie, tamén coñecida como Transnistria, tivo nos últimos anos dous momentos estelares de aparición mediática. A primeira, e probabelmente a máis notoria, foi cando a finais do ano pasado o equipo da capital, o Shériff de  Tiraspol, gañou contra todo prognóstico ao Real Madrid na Champions. A segunda foi hai un par de semanas, cando, no marco da guerra de Ucraína, producíronse varios ataques en Transnistria a edificios gobernamentais e estacións de  radiotelevisión, así como ataques en depósitos de armamentos.

Pero, que é a República  Moldova de  Pridnestrovie? E que implicación pode ter na guerra de Ucraína? Tentaremos explicar estas incógnitas para os menos  avezados nestas temáticas.

Transnistria atópase separada do conxunto de Moldova polo río  Dniéper –de aquí vén o seu nome– e comparte fronteira con Moldova e Ucraína. Se miramos un mapamundi, o máis probábel é que sexamos incapaces de atopar este país, e non só porque nos é difícil de localizar o río Dniéper en Europa, senón porque directamente nin sairán debuxadas as súas fronteiras.

Isto débese ao feito que a República  Moldova de Pridnestrovie é un Estado de facto mais non de iure. E isto, exactamente, que quere dicir?

As características que definen un Estado son diversas: unhas fronteiras definidas, o control da soberanía, nalgúns casos é o feito ter exército propio ou moeda… Pero tamén é moi importante o recoñecemento por parte outros estados. No caso de  Transnistria ten todas as primeiras condicións, pero non a segunda. A República Moldova de Pridnestrovie só está recoñecida por Abjasia, Osetia do Sur e o Alto Karabaj, países que, por certo, tampouco son recoñecidos por outros estados. É por iso que se considera que Transnistria, a efectos prácticos, é un Estado, malia que legalmente non o sexa.

Transnistria, contexto histórico e xeopolítico

Para atopar as orixes desta pequena república temos que remontarnos a antes da creación da URSS. Fai falta que teñamos en conta que o actual territorio de Transnistria e o río  Dniéper foron un territorio de fronteira entre o Imperio ruso e o Imperio otomán, e o territorio estivo en disputa a principios do século XX entre Ucraína, Romanía e  Besarabia. Non é até o ano 1924, en que fica definitivamente incorporado na República Socialista Soviética de Moldova, e está dentro da  URSS. En resumo, un territorio de fronteira culturalmente diverso que foi historicamente habitado por rusos, ucraínos,  moldovos, romaneses e búlgaros, unha característica que comparte con Moldova, así como con grande parte dos territorios da extinta Unión Soviética.

Durante o período soviético, a rexión de Transnistria converteuse nunha das zonas máis fortemente industrializadas de toda a  URSS, mentres que, pola contra, a economía do resto de Moldova mantívose fortemente agraria. Tamén foi o lugar onde se destinou a 14.ª Garda Armada do Exército Vermello. Estes dous elementos son moi importantes para entender como se desenvolverá o conflito despois.

Coa chegada da perestroika, empeza a medrar un chauvinismo moldovo moi proclive a acentuar os parecidos culturais e lingüísticas existentes con Romanía e que apostaba porque Moldova se integrase en Romanía. Este tipo de nacionalismo, aínda que era forte en gran parte de Moldova, era máis minoritario nas rexións de Gagauzia (de maioría  gagaúza) e sobre todo en  Transnistria. Isto débese a unha maior diversidade étnica nesta, así como dunha maior proporción de poboación rusa, cousa que favoreceu un sentimento de identidade soviética moito máis forte que no resto de Moldova, tamén moi refractaria a unha posíbel unión con Romanía.

Así chegamos aos anos 89, 90 e 91 do século pasado, anos de caos en que se descompón tanto o bloque socialista como a mesma Unión Soviética. Neste momento parece claramente inevitábel que se producirá a independencia de Moldova e que esta, irremediabelmente, conducirá á integración dentro de Romanía. Neste momento constitúense as Repúblicas de  Gagauzia e de Pridnestrovie, nun primeiro momento como partes integrantes da Unión Soviética e, coa independencia de Moldova en 1991, como repúblicas independentes de facto. Moldova tentará someter pola forza ás dúas repúblicas rebeldes, estalando así a primeira das diferentes guerras que sucederán a caída da  URSS. Moldova alegou defender a súa integridade territorial, mentres que  Transnistria alegou que historicamente non formara nunca parte de Moldova. A guerra durará dous anos e saldarase cun total de 2.000 mortos e a derrota de Moldova.

Esta derrota pódese explicar pola presenza das tropas do Exército Vermello que se aliñan aos independentistas, así como o apoio ruso cara ás repúblicas rebeldes. O ano 1994,  Gagauzia reintegrarase en Moldova cun estatuto de autonomía, pero o conflito a  Pridnestrovie manterase conxelado até o día de hoxe.

Como se mantén, entón, durante estes anos, esta pequena república duns 300.000 habitantes e 4.000 km²?. A primeira razón é que mantén a infraestrutura industrial herdada da Unión Soviética. A segunda é que Ucraína, con quen comparte, 50% das súas fronteiras, era un Estado con quen mantiña boas relacións, o cal lle permitía romper o seu illamento. Todo até o golpe de Estado do  Euromaidán de 2014.

A terceira razón foi o cambio de estratexia por parte de Moldova: xa coa perda da guerra e a reintegración ao país da República de Gagaúsia en 1994, Moldova abandonou as súas aspiracións de integrarse dentro de Romanía. Tamén o feito que, entre 2001 e 2009, os comunistas  moldovos chegasen ao Goberno favoreceu o mantemento dunhas relacións máis cordiais entre os dous Estados e a exploración de resolucións pacíficas do conflito, malia que non chegaron a prosperar.

A cuarta, e a máis importante probabelmente, foi que a República  Moldova de  Pridnestrovie, converteuse nun Estado completamente dependente de Rusia. A presenza militar da 14.ª Garda Armada no seu chan foi o garante da súa independencia, á vez que da súa subordinación en Rusia. Subordinación non só no ámbito militar, senón tamén no económico, agravándose esta dependencia a partir da  Euromaidan e o empeoramento de relacións con Ucraína.

A República  Moldova de Priednestrovie nestes anos caracterizouse por xerar unha construción nacional soviética. Mantense e actualízase toda a estética soviética con respecto a rúas, de estatuas, nomes, etc. Sumado a que o proceso de privatizacións e desmantelamento do Estado socialista foi menos agresivo que ao resto da  URSS, nunha liña moi parecida ao que pasou en Bielorrusia. Aínda así, non nos temos que deixar enganar pola forte presenza de estatuas de Lenin no país.  Transnistria non se trata de ningún Estado socialista: a propiedade dos medios de produción atópase en mans privadas e, sen ir máis lonxe, o secretario xeral do Partido Comunista de  Pridnestrovie atópase encarcerado desde 2018.

Na historia recente, fai falta que teñamos en conta o golpe de Estado do  Euromaidan de 2014, o cal tivo tamén un impacto a  Pridnestrovie. A confrontación de Ucraína contra Rusia, tamén significou unha deterioración das relacións con  Transnistria, a cal se volveu aínda máis illada e dependente de Rusia. Isto xerou no país un aumento da  rusofilia, medrando cada vez máis as posturas que piden a anexión do país en Rusia. O precedente de Crimea contribuíu tamén a que a posibilidade de levar a cabo esta empresa é factíbel.

Transnistria na guerra de Ucraína

O conflito de  Transnistria, a pesar de quedar latente durante todas estas décadas, quedou absolutamente conxelado ata hoxe en día. Así, desde o ano 1992 non se produciron  escaramuzas significativas nin ameazas de volver a un conflito armado entre as repúblicas das dúas bandas do río  Dniéper. Esta situación contrasta fortemente con outros casos parecidos como  Osetia do Sur e o Alto  Karabaj, con situacións de paz e guerra de maneira intermitente. Ou directamente coas repúblicas populares de  Donetsk e  Luhansk, onde os acordos de paz nunca se cumpriron.

Pero nestas últimas semanas, e no marco da guerra de Ucraína, producíronse varios ataques en territorio de Transnistria: explosións contra edificios gobernamentais, ataques contra a  radiotelevisión, asaltos a almacéns de armas, un ataque contra un aeródromo próximo a  Tiráspol, a capital, e un frustrado ataque con drons contra estudos de radio e televisión. É difícil poder esclarecer o que realmente pasou, debido a que só se pode contrastar propaganda occidental-ucraína  coa propaganda rusa, pero tentaremos pór un pouco de luz.

Hai unha primeira versión, e é que Ucraína necesitaría escalar o conflito, arrastrar outros actores e mundializar a guerra, debido a que sería a única maneira de poder combater a invasión rusa. Se se arrastra a  Transnistria e a Moldova ao conflito, implicaría, á vez, arrastrar a Romanía. Como dixemos, Romanía exerce unha forte influencia sobre Moldova, incluso fomentando e participando en cambios de réxime no país, polo cal sería fácil prever que sairía a defender o seu “irmán pequeno”  moldovo. Máis importante aínda, Romanía é un país membro da Unión Europea e da OTAN, alianza capaz de facerlle fronte e vencer ao exército ruso. Un ataque ucraíno en  Transnistria sería unha situación moi difícil para Moldova, debido a que, malia a estar na órbita occidental e simpatizar coa causa ucraína, á fin e ao cabo, supoñería de iure, un ataque doutro Estado no seu territorio. Que por moito que non o controle, algunha reacción tería que ter. O goberno de  Transnistria asegura que as investigacións levan todas a que a autoría destes ataques proveñen de Ucraína. De feito, aseguran que as minas utilizadas no aeródromo de Tiráspol son de 60 mm, cumpridamente utilizadas pola OTAN.

Por outra parte, desde Ucraína e Occidente primeiro asegurábase que os ataques eran contra as emisoras de  radiotelevisión que emitían propaganda rusa, pero con posterioridade aseguraron que se trataría de operacións de bandeira falsa perpetradas por forzas rusas. As operacións de bandeira falsa son ataques feitos contra un mesmo, para buscar unha reacción da opinión pública a un casus  belli que xere unha escusa para entrar nun conflito. Estaríase a buscar, así, que  Transnistria entrase na guerra. Hai que lembrar que Tiráspol está tan só en 100 km de  Odesa, co que se podería levar a cabo un ataque desde Transnistria no oeste e Crimea e o  Donbás ao leste, para conquistar  Odesa e toda a costa ucraína do Mar Negro.

Tamén desde o Ministerio de Interior de Moldova asegúrase que as granadas utilizadas nos ataques a  Pridnestrovie unicamente son empregadas polos exércitos ruso e de  Gabón, co cal temos, pois, dúas afirmacións completamente contrapostas sobre a orixe das armas usadas nos ataques.

Finalmente, a postura do Goberno  moldovo foi a máis moderada. Aínda que o partido no goberno actualmente en Moldova é de corte  atlantista, e solicitou a súa entrada na Unión Europea coincidindo coa solicitude ucraína, descartou por completo entrar na OTAN. Respecto aos ataques, aseguraron que a resolución do conflito en  Transnistria tense que resolver por vías pacíficas, e afirmaron descartar totalmente calquera operación militar.

Que versión ten razón? Pois é plausíbel que as dúas á vez sexan verdade e sexan mentira tamén. Tanto Ucraína como Rusia poden sacar proveito de involucrar este pequeno Estado no conflito, o que nos leva a unha situación moi perigosa e que facilmente se poida escalar. Son momentos difíciles para atreverse a facer previsións, pero no último mes as peores previsións fixéronse realidade e estamos ante un mundo moi inestábel. Esperamos que a secuela da guerra non continúe esparexéndose por Europa, polo ben de  moldovos, transnistrianos, ucraínos, rusos e para nós tamén.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios