Un traficante de armas perseguido pola xustiza española acompaña Juan Carlos I en Abu Dhabi

El País publica información de que Abdul Rahman El Assir, a quen a Fiscalía pide oito anos de prisión, é un habitual compañeiro do rei emérito español en Abu Dhabi.

Juan Carlos de Borbón, en imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan Carlos de Borbón, en imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Juan Carlos I leva máis dun ano en Abu Dhabi, onde vive nun complexo residencial privado. Segundo o xornal El País, alí acompáñao habitualmente Abdul Rahman El Assir, un traficante de armas que está en busca e captura. Tiña que ser xulgado en España a finais de 2019 acusado de eludir case quince millóns de euros, mais non compareceu no xulgado e ditouse unha orde de detención internacional.

Segundo informa El País, a amizade entre Juan Carlos I e El Assir forxouse durante a década dos 80, e dende a chegada do monarca aos Emiratos Árabes Unidos volveu reforzarse.

A Fiscalía española pide a El Assir oito anos de prisión, o pagamento de noventa millóns de euros, e unha indemnización de 147 millóns, que é a cantidade que eludiu ao IRPF cando tiña negocios en Madrid

Dise que o comerciante construíu parte da súa fortuna exportando armas de España aos Emiratos Árabes Unidos. Cómpre lembrar que o Estado español é unha poderosa industria armamentístisca que fai negocios coas ditaduras do Golfo Pérsico. Por exemplo, no caso dos Emiratos Árabes Unidos, en 2019 recibiu subministracións de armamento de España por valor de 135 millóns de euros.

A Fiscalía española pide a El Assir oito anos de prisión, o pagamento de noventa millóns de euros, e unha indemnización de 147 millóns, que é a cantidade que eludiu ao IRPF cando tiña negocios en Madrid.

La Zarzuela desmárcase das informacións publicadas e só sinala que as actividades privadas do rei emérito non forman parte da casa real española. Descoñécese como afectará esta información ao posíbel regreso de Juan Carlos a España, unha operación coa que especularon moitos medios madrileños.

Tráfico de armas

En xullo deste ano o xornal Público publicaba unha información na que indicaba que Juan Carlos I fraguaría a súa fortuna a través do tráfico de armas en países árabes. A suposta fraude sería realizada canda o que foi o seu administrador privado, Manuel Prado y Colón de Carvajal. 

O medio remóntase ata 1977, cando o rei emérito nomeou o seu amigo Colón de Carvajal senador por designación real, “así como administrador solidario ao 50% –como pantalla da súa propia participación– de todos os seus negocios, empezando polo máis rendíbel que hai: a venda de armas”.

Comentarios