A prensa española prepara o terreo para a volta do emérito

Fuxido en Abu Dhabi hai máis dun ano, Juan Carlos I está programando a súa volta ao Estado, segundo refiren o mesmo día os principais xornais españois, só 24 horas despois dunha filtración da Fiscalía na que avanza o arquivo das indagacións.
Juan Carlos I nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan Carlos I nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Esta cuarta feira filtrouse que a Fiscalía do Tribunal Supremo está perto de arquivar as investigacións en contra do rei emérito español Juan Carlos I por suborno, lavado de capitais, delito contra a facenda pública e tráfico de influencias.

Todo isto a pesar das dúas regularizacións fiscais fóra da lei e das evidencias que investigacións como a da Fiscalía suíza están sacando á luz.

Onte, os principais medios españois abriron as súas edicións avanzando que Juan Carlos I pretende volver ao Estado español en breve, e que tomará unha decisión unha vez que o Ministerio Fiscal faga público o decreto no que resolva abandonar as indagacións, o que se agarda que aconteza nas vindeiras semanas.

Tamén matizan que sería unha visita e que o seu obxectivo é non danar a imaxe como xefe de Estado do seu fillo, Felipe VI, polo que chegan a adiantar que seleccionará Portugal como lugar de residencia nun futuro.

Cabeceiras como El Mundo ou ABC dedicáronlle incluso un editorial, no que responsabilizan o Goberno estatal encabezado por Pedro Sánchez de forzar a súa fuxida cara aos Emiratos Árabes Unidos.

Ao tempo, tamén transcendeu a publicación de O meu rei caído, da francesa Laurence Debray, no que reitera a súa intención de regresar, acusando “os amigos que lle deron as costas. Incluso aqueles que lle deben a riqueza e a fama”, apunta a obra.

Sen recoñecer ningún dos delitos polos que está sendo investigado, gaba o ditador Francisco Franco, que o elixiu para sucedelo, salientando que lle deixou “unha clase media. Sen ela, non tería podido levar a cabo a transición”.

Ao ser cuestionada a respecto da volta, a voceira do Executivo estatal e ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, limitouse a sinalar que é un tema "individual" do rei emérito.

Comentarios