O presidente da Generalitat, Quim Torra, pronunciouse sobre a serie de detencións de independentistas. Torrá considera que se trata dunha mostra máis da represión "que sigue sendo a única resposta do Estado español". O presidente catalán advirte nun chío na súa conta en Twitter que "están intentando volver construír un relato de violencia antes das sentenzas. Non o conseguirán. O movemento independentista é e será sempre pacífico"
Tamén opinou Carles Puigdemont. E dixo que as detencións de membros dos CDR "están ao servizo dunha historia" que é "no que se converteu a democracia española". Construirán un caso de terrorismo, vaticina Puigdemont, e pide ao independentismo "non caer en provocacións".
No mesmo sentido se pronunciou o presidente do Parlament, Roger Torrent. "Quereríannos violentos pero encontrarannos sempre en pé de paz", afirmou Torrent a través de Twitter e incidiu en que o independentismo é un "movemento cívico, pacífico e democrático". O presidente do Parlament insistiu en que "non conseguirán criminalizar o independentismo".
En relación ás detencións de membros dos CDR por parte da Garda Civil, o portavoz dos comúns no Congreso, Jaume Asens, opinou que pretender "equiparar os CDR co terrorismo" é unha "banalización" do terrorismo, e reafirmou "o carácter eminentemente pacifista" do movemento independentista catalán.
La repressió continua sent l’única resposta de l’estat espanyol. Estan intentant tornar a construir un relat de violència abans de les sentències. No ho aconseguiran. El moviment independentista és i serà sempre pacífic.
— Quim Torra i Pla (@QuimTorraiPla) September 23, 2019
Ameazas de Marlaska
Mentres, o ministro do Interior español, Fernando Grande-Marlaska, advirte que podería "reforzar" a presenza da Policía Nacional e da Garda Civil en Catalunya cando se faga pública a sentenza do proceso ao 1-O no Tribunal Supremo. Nunha entrevista en RNE, Grande-Marlaska argumenta que se adoptarán "as medidas necesarias para garantir a seguridade" e que todo o mundo poderá seguir "exercendo os seus dereitos e liberdades.
Desde o PSC, o seu secretario de organización, Salvador Illa, reclamou "responsabilidade" aos líderes políticos cataláns e suxeriu que "o normal é que momentos de ofuscamento leven algúns colectivos a radicalizarse".
Medios cataláns tamén subliñan como os programas de televisión Espejo público (Antena 3) e Al rojo vivo (La Sexta) presentaron hoxe o independentismo como un movemento radical, asustando á sociedade civil cunha grave represión, ademais de equiparar o movemento independentista co terrorismo, culminando así -explica Josep Casulleras en VilaWeb- o propósito do dispositivo policial.
[VÍDEOS] Programes com 'Al Rojo Vivo' i 'Espejo Público' donen per certes les informacions de la investigació policíaca, barrejant terrorisme i independentisme #Detencions23Shttps://t.co/lrU8lVNFgs
— VilaWeb (@VilaWeb) September 23, 2019
Desde Arran, nun comunicado, chaman á mobilización e constatan que "renunciar a obxectivos políticos non diminúe a represión". A esquerda independentista denuncia no texto "a criminalización da disidencia, a construción de historias ficticias e o desexo de inocular medo entre a poboación".
Protestas e petición de comparecencia do ministro
Ás sete da tarde había convocadas máis de sesenta concentracións en vilas e cidades catalás. En localidades como Barcelona, Vic ou Sabadell as primeiras concentracións foron masivas. Houbo protestas en toda Catalunya: Cerdanyola del Vallès, Mollet, Santa Perpètua de Mogoda, Manresa, Lleida ou Tortosa entre outras vilas.
Mentres, dous dos detidos desta mañá foron postos en liberdade, informan medios cataláns. A Fiscalía da Audiencia Nacional sinalou como grupo terrorista aos detidos e dixo que os seus "proxectos terroristas" estaban nun "avanzado grao de preparación", mesmo con "obxectivos seleccionados". Acúsaos de "terrorismo, rebelión e tenencia de explosivos".
Marta Sirvent, deputada das CUP, cualificou as detencións e todo o dispositivo como "unha montaxe policial", e Marta Vilalta (ERC) asegurou que se está intentando "construír un falso relato". ERC e JxCat solicitaron conxuntamente a comparecencia de Grande-Marlaska na Comisión de Interior.
"La ràtzia contra l’independentisme aconsegueix fer explotar el carrer" (A razzia contra o independentismo fai explotar ás rúas), titula esta noite o dixital VilaWeb; mentres L'Acent informa dun corte das vías do tren en Reus entre as accións de protesta.
Continua el tall de les vies de tren a Reus #Detencions23S pic.twitter.com/okU6AABXBW
— L'Accent (@laccent) September 23, 2019
"A operación deste luns (...) debe enmarcarse na preparación do Estado ante a inminente sentenza do Tribunal Supremo sobre o proceso soberanista catalán. Unha preparación que dun lado parece querer dar un aviso ante a previsible indignación do cidadán (...), pero que, ao mesmo tempo, simplemente crea un clima de indignación. Quen incendia a convivencia? É unha preparación que, máis alá de Catalunya, responde tamén ao desexo de crear un estado de opinión tanto na sociedade española como nos medios internacionais", editorializa o Diari Ara.