Fascistas tentan asasinar o candidato comunista logo de se retirar das eleccións na Ucraína

O coche de Petro Simonenko foi atacado por fascistas con cócteles molotov ao saír dunha entrevista televisiva. Nela anunciou a súa retirada da súa candidatura aos comicios "ilexítimos" do vindeiro 25 de maio.

Petro Simonenko, Partido Comunista de Ucraína
photo_camera Petro Simonenko

Na sexta feira o primeiro secretario do Partido Comunista de Ucraína, Petro Simonenko, foi vítima dun atentado por parte dun grupo de 30 militantes vinculados ao fascista Euromaidán, que participou no golpe do Estado e apoiou o actual Goberno de Kiev. 

A agresión tiña lugar á saída dunha entrevista concedida por Simonenko nunha das principais canles televisivas do país, na que anunciou a retirada da súa candidatura ás eleccións presidenciais previstas para o próximo 25 de maio, que cualificou de "mascarada". A decisión do PCU de abandonar a carreira electoral débese -segundo apuntaron- á "falla de lexitimidade das mesmas", ao que se engaden as "operacións terroristas implementadas polo Goberno, as provocacións contra o partido comunista e o desastre económico resultante das políticas da xunta". Coa saída de Simonenko, son xa catro os aspirantes presidenciais que retiraron a súa candidatura.

Ás portas do estudo o agardaba varias decenas de persoas enmascaradas que portando armas, e que segundo denunciou o propio Simonenko, en declaracións a unha estación de radio, tentaron destruír o vehículo no que se desprazaba guindando cócteles molotov. Un deles explotaría contra a vidreira traseira do coche. Descoñécese se o impacto tivo consecuencias persoais para o líder comunista ou algunha das persoas que acompañaban. Simonenko fixo votos porque este suceso axudase aos seus compatriotas a "comprender o que realmente pasa no país" e responsabilizou directamente a Pravy Sektor e Svoboda.

Kiev quer ilegalizar o PCU

O Goberno golpista, por boca do seu Primeiro ministro Alexandr Turchínov, anunciou días atrás a intención de iniciar unha "investigación" por parte do Ministerio de Xustiza contra o Partido Comunista acusándoo de separatista. Turchínov mostrouse partidario de que ese proceso conclúa coa "prohibición" das actividades dos e das comunistas.

As agresións contra dirixentes e militancia do PCU sucédense desde o euromaidán. O mes pasado Petro Simonenko era agredido por deputados de Svoboda na tribuna do Rada Suprema (Parlamento) por defender unha solución "federal" á crise que vive o país.

Comentarios