Ten Joe Biden demencia? Novas notas alimentan a polémica: “Entra na Sala Roosvelt, toma o seu asento...”

A sospeita sobre a posíbel demencia do presidente dos EUA, Joe Biden, continúa a alimentarse. Na quinta feira tiráronlle unha fotografía na que se podía ler unha tarxeta con instrucións básicas na que se lle indica que entre na Sala Roosevelt e sente na súa cadeira.

Joe Biden, coa tarxeta de instrucións (Imaxe: Cedida)
photo_camera Joe Biden, coa tarxeta de instrucións (Imaxe: Cedida)

O presidente dos EUA, Joe Biden, foi fotografado na quinta feira cunha tarxeta na que se podían ler instrucións simples que alimentan máis a polémica ao redor da súa suposta demencia.

Ocorreu cando os medios de comunicación gravaron e tomaron fotografías dunha reunión sobre a enerxía eólica. Durante a comparecencia, Biden ergueu unha tarxeta de notas, separada do resto da documentación, en cuxo anverso podían lerse instrucións para o presidente.

“Vostede entra na Sala Roosvelt e saúda os participantes”, recollía o primeiro punto, “vostede toma o seu asento”, continuaba, cos pronomes resaltados, en maiúscula, sobre o resto do texto. Após “Entra a prensa”, a seguinte instrución instábao a facer “comentarios breves”. Finalizaba cun “Vostede agradece aos participantes” e un “Vostede vaise”, outra vez cos pronomes en maiúscula.

Xornalistas como Clay Travis, de Outkick e de Fox Bet Live, non teñen dúbida: “Literalmente teñen que escribir todas as instrucións básicas para Joe Biden. Nunca vin instrucións como esta para ningunha persoa que dirixa unha reunión á que asistise na miña vida. Aposto a que ti tampouco. Biden ten demencia. Está claro para calquera persoa cun cerebro funcional.

Medios de comunicación como Fox News, de tendencia republicana e crítico con Biden, fixéronse eco desta última polémica. A canle norteamericana recolle, porén, declaracións dunha ex funcionaria de Comunicación da Casa Branca nas que asegura que o ex presidente Barack Obama tamén empregaba un formato de notas semellante.

Non é a primeira vez que se filtran as instrucións que recibe Biden. No mes de marzo, saltaba á luz unha tarxeta na que se lía “Puntos de preguntas e respostas difíciles de Putin”. En xullo do pasado ano, o presidente recibía unha nota que rezaba: “Señor, hai algo na súa barba”.

‘Sleepy Joe’

Os continuos despistes do xefe do Executivo dos EUA levárono a merecer o alcume de ‘Sleepy Joe’ [durminte, en galego]. Entre as moitas actitudes que fan desconfiar do seu estado a nivel cognitivo destaca o momento en que se perdeu no patio da Casa Branca, a súa residencia oficial, ou cando non puido ler de maneira axeitada un texto do teleprónter. A última tivo lugar hai escasos días, cando caeu dunha bicicleta cando trataba de baixar dela.

Tamén tiveron eco as declaracións nas que cualificaba o presidente ruso de “criminal de guerra”, cando minutos antes apuntara xusto o contrario, ou cando o chamou “carniceiro”. Os balbucidos frecuentes, as vacilacións, os problemas de orientación e o feito de amosarse ante as cámaras, ao rematar unha intervención, perdido, saudando a ninguén e dando voltas sobre si mesmo espertan a alarma sobre un deterioro cognitivo.

Comentarios