As negociacións entre Estados Unidos e o Irán en Islamabad rematan sen acordo: "Tanto me ten", afirma Trump

Ambas delegacións, con todo, deixan a porta aberta a retomar o diálogo.

EuropaPress_7432570_islamabad_april_12_2026____this_photo_taken_on_april_12_2026_shows_screen
Vance comparece para anunciar o remate das negociacións. (Foto: Europa Press)

Irán e Estados Unidos remataron o domingo as súas negociacións en Islamabad (Paquistán) sen alcanzar un acordo para pór fin á guerra en Oriente Medio, e acusáronse mutuamente do fracaso nas conversacións.

O vicepresidente estradounidense, JD Vance, líder da delegación dos EUA, abandonou a capital paquistaní tras lamentar a ausencia dun “compromiso firme” iraniano de renunciar ás armas nucleares.

Pola súa parte, a televisión iraniana IRIB asegurou que as conversacións colapsaron polas “exixencias irrazonábeis”  da parte estadounidense.

Delegacións dos Estados Unidos e Irán mantiveron o sábado unha maratoniana xornada de negociacións de 21 horas en busca de pór fin á guerra desatada o 28 de febreiro polos ataques israeloestadounidenses contra a república persa.

As partes estabeleceron unha tregua de dúas semanas para buscar un acordo duradeiro de paz con mediación de Paquistán. O ministro de Relacións Exteriores de Paquistán, Ishaq Dar, instou a Teherán e Washington a que “continúen respectando o seu compromiso cun cesamento do fogo”.

"Regresamos aos Estados Unidos sen lograr alcanzar un acordo", declarou Vance nunha breve conferencia de prensa na cal insistiu en que a disputa principal é sobre as armas atómicas. “O feito simple é que necesitamos ver un compromiso firme de que non buscarán unha arma nuclear e que non buscarán as ferramentas que lles permitan rapidamente alcanzar unha arma nuclear», sostivo Vance sobre os iranianos.

Pola súa parte, o portavoz diplomático iraniano, Esmail Baqai publicou en X: “O éxito deste proceso diplomático depende da seriedade e a boa vontade da contraparte, que se absteña das demandas excesivas e ilegais, e a aceptación dos lexítimos dereitos e intereses de Irán”. Nun comentario posterior, Baqai sinalou que ninguén esperaba que as conversacións alcanzasen un acordo na súa primeira rolda.

“Naturalmente, desde o inicio non tiñamos que esperar alcanzar un acordo nunha soa sesión. Ninguén tiña esa expectativa», declarou o portavoz diplomático”.

“Tanto me ten”

Trump dixo este sábado que “tanto me ten” o resultado das conversas entre Estados Unidos e Irán, ao insistir en que o seu país gañara a guerra. “Cheguemos ou non a un acordo, tanto me ten. A razón é que gañamos", dixo Trump aos xornalistas.

A delegación estadounidense inclúe tamén ao enviado especial Steve Witkoff e o xenro de Trump, Jared Kushner. Irán estivo representada polo presidente do Parlamento, Baqer Qalibaf, e o ministro de Relacións Exteriores, Abás Araqchi, a cargo dunha delegación de 70 persoas.

O primeiro ministro paquistaní, Shehbaz Sharif recoñeceu o sábado que as partes estaban nunha fase de todo ou nada, o que complica “unha tregua duradeira”.

Comentarios