Irán denuncia a violación de tres puntos do acordo marco cos Estados Unidos

O presidente do Parlamento iraniano acusa os Estados Unidos de incumprir varios puntos do acordo marco antes do inicio das negociacións en Islamabad, cuestionando a viabilidade dun alto o fogo e do proceso de diálogo.
O presidente do Parlamento de Irán, Mohamad Baqer Qalibaf (Foto: Europa Press)
O presidente do Parlamento de Irán, Mohamad Baqer Qalibaf (Foto: Europa Press)

O presidente do Parlamento iraniano, Mohamad Baqer Qalibaf, denunciou esta cuarta feira que tres puntos do acordo marco para poñer fin á guerra foron vulnerados polos Estados Unidos antes do inicio das conversas entre Washington e Tehran na capital de Paquistán, Islamabad. "Nestas circunstancias, un alto o fogo bilateral ou unha negociación resultan inviábeis", afirmou.

Qalibaf sinalou que "a profunda desconfianza histórica cara os Estados Unidos débese ás súas reiteradas vulneracións de compromisos", un comportamento que, segundo indicou, "volveu repetirse". Estas declaracións foron difundidas a través dun comunicado publicado nas redes sociais.

O dirixente iraniano referiuse ao incumprimento da primeira cláusula do acordo marco, que estabelece un "alto o fogo inmediato en todas as frontes, incluído o Líbano e outras rexións", tras novos ataques rexistrados en territorio libanés.

Así mesmo, denunciou a vulneración do espazo aéreo iraniano, despois de que as forzas do país derrubasen un dron cualificado como "intruso" na provincia de Fars. Tamén acusou os Estados Unidos de incumprir o punto relativo ao dereito de Irán ao enriquecemento de uranio, recollido como sexta cláusula do acordo.

Washington e Tehran acordaron un alto o fogo de dúas semanas, condicionado á reapertura do estreito de Ormuz, co obxectivo de facilitar negociacións en Paquistán para un acordo máis amplo que poña fin ao conflito iniciado o pasado 28 de febreiro polos Estados Unidos e Israel. 

Comentarios