Os talibán entran en Kabul

Confirmouno o ministro de Interior afgán.

EuropaPress_3582966_miembros_taliban_ceremonia_rendicion_provincia_kunar_noreste_afganistan EMRAN WAAK-min
photo_camera (Foto: Emra Waak)

Os talibán comezaron a entrar en Kabul, confirmou a primeiras horas deste domingo o ministerio do interior de Afganistán após  anuncialo portavoces do grupo armado .

A entrada na capital afgá ten lugar poucas horas despois de que o grupo tomase o control da principal cidade oriental de Jalalabad, asegurando estradas e comunicacións fulcrais que conectaban o país con Paquistán.

Un líder talibán en Doha, que foi o lugar de negociacións de paz durante anos entre o Goberno afgán e o grupo, dixo que os combatentes o domingo recibiron a orde de absterse da violencia e ofrecer unha saída segura aos que desexen saír de Kabul.

O presidente de Afganistán, Ashraf Ghani, abandonou o país após a entrada dos talibán en Kabul

Os talibán publicaron un comunicado nas redes dicindo que instruíron ás súas forzas para non tomar a cidade pola forza. En lugar diso, din, "as negociacións en marcha para garantir que o proceso de transición se complete con seguridade, sen comprometer a vida, a propiedade e o honor de ninguén e sen comprometer a vida dos habitantes da cidade", segundo informa Al Jazeera. Organizacións de Dereitos Humanos contrapoñen estas declaracións á realidade dos territorios baixo control afgán, onde as violacións de dereitos e liberdades son constantes.

Os talibán tamén publicaron outra declaración intentando tranquilizar bancos, comerciantes e empresarios de que as súas propiedades, cartos e institucións non serán perturbadas polo grupo armado.

Un país ao bordo da catástrofe humanitaria

As axencias da ONU alertaron este 13 de agosto do rápido empeoramento da situación no Afganistán. "Tememos que o peor está por chegar. A situación ten todas as características dunha catástrofe humanitaria", dixo Thomson Phiri, do Programa Mundial de Alimentos. Máis de 250.000 persoas víronse obrigadas a abandonar os seus fogares desde maio (80% mulleres e crianzas), sinalou Shabia Mantoo, da axencia da ONU para os refuxiados.

Moitos informaron de extorsións por parte de grupos armados no camiño. A maioría foxe desde zonas rurais cara a Kabul. "Están a durmir ao aire libre, en parques e espazos públicos", afirmou Jens Laerke, portavoz da Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios. "Unha das principais preocupacións neste intre é nada máis que atoparlles un refuxio", dixo. E a OMS tamén expresou a súa preocupación pola escaseza de materia médico. A ONU informou de que os seus 320 traballadores non abandonarán o Afganistán. 

Comentarios