Derradeira oportunidade para un millón de crianzas afgás

As cifras abafan: "duras de asimilar cando son así de grandes", di a ONU; "case imposíbeis de comprender", para Save the Children. A paupérrima situación humanitaria no Afganistán tornouse crítica co ascenso dos talibán ao poder. A axuda é vital; a miseria está a 5.000 km de distancia.
afghanistan_un3
photo_camera O duro inverno afgán complica aínda máis o traballo de poder comer polo menos unha vez ao día (Foto: Andrew McConnell / Acnur)

Á pregunta de que sucedería se non chegase o suficiente apoio humanitaria ao Afganistán, o coordinador da Axuda de Emerxencia da ONU, Martin Griffiths, sinalaba: "Un millón de crianzas ─as cifras son tan duras de asimilar cando son así de grandes─ ... un millón de crianzas están en risco dese tipo de malnutrición [aguda]". "É estremecedor", engadía.

Un total de 5.000 millóns de dólares. Esa é a cifra necesaria en 2022 para evitar a catástrofe. Son 4.410 millóns de euros ao troco, "a maior cifra nunca solicitada para axuda humanitaria e tres veces maior que a necesitada e recadada en 2021", explicaba onte Griffiths en conferencia de prensa.

Actualmente hai arredor de 22 millóns de persoas no Afganistán necesitadas de axuda para sobrevivir, ademais doutros 5,7 millóns de cidadáns afgáns fóra das fronteiras do país. A ONG Care4Calais alertaba onte de que a situación dos refuxiados chegados ao norte de Francia coa intención de cruzar en botes cara á Gran Bretaña estase a deteriorar axiña. Co risco, segundo recolleu o diario inglés The Guardian, de morreren de frío ante a acción policial de retirar os seus refuxios improvisados. 

Bloqueo climático e político

O duro inverno afgán é outra das grandes preocupacións. "Lustro zapatos para atopar diñeiro co que comprar pan para a miña familia, mais nestes días fríos pouca xente vén", declaraba Ahmad Hussain á TV afgá Tolo News na segunda feira. A familia de Ahmad está composta por 11 membros, como 11 son os anos que ten Ahmad.

A semana pasada as nevaradas bloquearon as vías de comunicación e o traballo das axencias humanitarias sobre o terreo. Un traballo hercúleo tras o ascenso ao poder dos talibán, que levou á conxelación de fondos por parte de moitos países e organizacións internacionais.

Precisamente esta preocupación, que o diñeiro solicitado pola ONU para axuda humanitaria non acabe nas mans do movemento islamista de extrema dereita, foi abordada onte por Martin Griffiths. Insistiu en que ese diñeiro irá directamente "aos profesionais médicos sobre o terreo" para que poidan seguir dando servizos sanitarios, non para dar apoio a estruturas do Estado.

E tanto el como o Alto Comisionados para os Refuxiados da ONU, Filippo Grandi, advertían de que, de non dar solucións, o sufrimento e a miseria non ficarán dentro das fronteiras afgás. 

Afganistán, a crise humanitaria que "eclipsou" as do resto do mundo

A organización non gobernamental Save the Children solicitou onte a través dun comunicado que a petición da ONU á comunidade internacional sexa atendida, xa que "o nivel de sufrimento humano no Afganistán eclipsou o de calquera outra crise humanitaria no mundo". "As cifras son case imposíbeis de comprender: agárdase que case todo o país se afunda na pobreza, e máis da metade da poboación se enfronte a niveis críticos de fame", segundo salientou a directora interina de Save the Children no país, Fiona McSheehy. De acordo coa Oficina da ONU para a Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCHA, en inglés), a metade da poboación afgá, dun total de 39 millóns, afronta condicións de fame aguda; máis de nove millóns de persoas foron desprazadas dos seus fogares; e millóns de crianzas, especialmente nenas, non van á escola. 

Comentarios