Os talibán dispersan con disparos unha manifestación de mulleres

Os talibán reprimiron este sábado con disparos unha manifestación na que mulleres afgás reivindicaban o dereito á educación e ao traballo.

EuropaPress_3908519_milicianos_taliban_aeropuerto_kabul
photo_camera EuropaPress_3908519_milicianos_taliban_aeropuerto_kabul

Coincidindo co aniversario da chegada dos talibán ao poder en Afganistán, o 15 de agosto de 2021, mulleres afás saíron ás rúas de Kabul para elevaren as súas voces perante o Ministerio de Educación co fin de reivindicar o exercicio do dereito á educación e ao traballo.

Aos dez minutos de comezar a mobilización, os talibán abriron fogo para dispersas as mulleres, que tiveron que refuxiarse e agocharse en locais comerciais.

“As forzas talibán eran moi violentas, golpeaban as mulleres con culatas dos rifles. Insultáronnos e chamáronnos prostitutas. Ordenáronnos que marchásemos e que enviásemos os nosos irmáns e maridos para que os tiroteasen”, recollen medios de comunicación internacionais, citando unha das manifestantes.

As mulleres participantes, que exixían “pan, traballo e liberdade”, sinalaron que os talibán temen as críticas, as voces das mulleres e a educación das nenas.

Un ano de represión

A chegada dos talibán ao Goberno supuxo un retroceso en materia de dereitos para as mulleres, ás que impuxeron numerosas limitacións. Aínda que prometeran reabrir as escolas para as mozas de 12 a 18 anos tan pronto como mudasen os contidos conforme á lei islámica, os talibán incumpriron as súas palabras e as rapazas seguen sen ter dereito á educación.

A ONU tense pronunciado contra o "castigo colectivo" ao que están sometidas as mulleres afgás. Organizacións como Amnistía Internacional denunciou a semana pasada a “asfixiante represión” que destrúe as mulleres afgás baixo o réxime talibán. 

Comentarios