A ONU recada fondos para evitar o colapso de Afganistán

O talibán pide axuda internacional para evitar a crise humanitaria mentres a ONU organiza unha conferencia de doantes para tentar recadar os fondos precisos para que a situación non empeore.
Unha muller con burca o pasado 12 de setembro en Mazar e Shari. (Foto: Adrien Vautier / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Unha muller con burca o pasado 12 de setembro en Mazar e Shari. (Foto: Adrien Vautier / Zuma Press / Contactophoto)

Apenas uns días despois de que a Organización das Nacións Unidas (ONU) alertara dunha crise humanitaria inminente en Afganistán, esta segunda feira o organismo internacional desenvolveu unha conferencia internacional de doantes para intentar alcanzar 509 millóns de euros, cifra estimada que precisa o país para evitar que a situación humanitaria continúe a empeorar.

Até 40 ministras e ministros doutros tantos Estados participarán no cumio onda António Guterres, secretario xeral da ONU, con varias propostas sobre a mesa para impoñer condicións á entrega das axudas, sen que estea previsto o debate sobre o recoñecemento do Goberno talibán no país asiático.

O ministro de Exteriores alemán, Heiko Maas, sostivo que “depende da comunidade internacional ser responsábeis e prover asistencia humanitaria alí onde sexa necesaria”.

Filippo Grandi, Alto Comisionado da ONU para os refuxiados, chegou hoxe a Afganistán para efectuar unha avaliación urxente das necesidades humanitarias “e da situación de 3,5 millóns de afgás e afgáns desprazados”. Ademais, advertiu do “rexurdimento dos combates, das violacións dos Dereitos Humanos e do colapso económico e de servizos sociais”.

As axencias da institución apuntan que a axuda permitiría soster os servizos sanitarios e a subministración de auga potábel nos vindeiros meses.

O talibán solicita axuda internacional

O voceiro principal dos talibán, Zabihula Muyahid, deu esta segunda feira a benvida á iniciativa da ONU, antes de pedir a colaboración da comunidade internacional. “A xente está en problemas económicos, a comida e as medicinas son escasas”, recoñeceu.

Política de interacción

Pola súa banda, o presidente do Comité Internacional da Cruz Vermella, Peter Maurer, asegurou que é precisa “unha política de interacción cos talibán para previr o agravamento da situación”.

A crise en Afganistán, prosegue Maurer, “é demasiado profunda e o perigo de desestabilización é real, non só en Afganistán senón en toda a rexión”, polo que “estamos profundamente convencidos de que é importante” a relación cos talibán.

Comentarios