O sur da UE pide dificultar o asilo para combater a migración sen regularizar

O bloque comunitario negocia un novo pacto migratorio que contente Francia e Italia entre propostas para mudar a normativa de asilo no Consello Extraordinario de Ministerios de Interior.
Arredor de 400 persoas ateigan un barco pesqueiro que chegou ao porto de Palaiochora, en Creta (Grecia), a pasada terza feira. (Foto: Eurokinissi / Eurokinissi via ZUMA / DPA)
photo_camera Arredor de 400 persoas ateigan un barco pesqueiro que chegou ao porto de Palaiochora, en Creta (Grecia), a pasada terza feira. (Foto: Eurokinissi / Eurokinissi via ZUMA / DPA)

As ministras e ministros de Interior da Unión Europea (UE) xuntáronse a sexta feira nun Consello extraordinario para adiantar un acordo arredor dun novo pacto migratorio, que sería aprobado de maneira formal o próximo 8 de decembro.

A principal proposta, defendida por territorios do sur do continente como o Estado Español, Italia, Malta, Grecia e Chipre, é dificultar o proceso de asilo, co que confían en desincentivar a chegada de migrantes sen regularizar. A medida, que levarán ao Consello de Emerxencia de Asuntos Internos da UE, implicaría que a persoa solicitante de asilo efectúe a petición nunha embaixada, e só cando o asilo sexa concedido -se o é- podería comezar a súa viaxe a Europa.

A cuestión é que, cos datos do Alto Comisionado da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os Refuxiados, en 2021 a cifra de desprazados forzosos alcanzou 89 millóns de persoas que tiveron que emigrar pola persecución, a violencia ou violacións dos dereitos humanos.

Outro dos principais retos da reunión, sostiveron fontes diplomáticas a medios internacionais, é “contribuír a superar” os choques entre Francia e Italia pola acollida de persoas refuxiadas, após recibir París o Ocean Viking, un barco de rescate no Mediterráneo, perante a negativa de Roma, que está a endurecer a súa resposta desde a chegada ao poder da extrema dereita co Goberno liderado por Giorgia Meloni.

París limitou as relocalizacións acordadas de persoas que entrasen na UE vía Italia, aplicou controis nas fronteiras e cargou contra o Executivo de Meloni pola falta de solidariedade. Así e todo, rexeitou 65% das peticións de asilo presentadas polas persoas rescatadas.

Nese sentido, Italia, Chipre e Malta procuran responsabilizar os barcos de organizacións non gobernamentais dos rescates no mar de migrantes, instando a que os Estados nos que están rexistrados esas embarcacións asuman un papel activo nestas accións. Pola contra, Juan Matías Gil, xefe de misión de Médicos Sen Fronteiras, a quen pertence o Ocean Viking, que incidiu en Euronews que isto non está contemplado en ningunha lei, “só precisamos que os Estados da UE respecten aquilo ao que se comprometeron”.

O bloque comunitario informa do aumento das migracións por determinadas rutas, como a do Mediterráneo Central ou a dos Balcáns Occidentais, con 155.000 entradas non regularizadas nos primeiros seis meses de 2022.

Arredor desa cuestión, o documento base da reunión inclúe unha petición para financiar con 600 millóns de euros aos países do norte de África para que asuman un maior control migratorio e freen as persoas migrantes nas súas fronteiras, de xeito semellante aos acordos entre a UE e Libia (máis de 450 millóns de euros) ou Turquía, que lle reportou máis de 6.000 millóns de euros a Ancara, ou ao pacto entre o Estado Español e Marrocos (case 90 millóns de euros para 2021 e 2022).

Política de asilo

Organizacións e entidades de axuda ás persoas migrantes en Estados como Francia, Países Baixos ou Bélxica denuncian unha saturación absoluta dos sistemas de acollida. Fedasil, en Bruxelas, asevera que están desbordados, con centos de persoas durmindo na rúa tras intentar pedir axuda en varios centros, chegando ao extremo de que nin as persoas que foron quen de presentar a súa solicitude poden acceder aos refuxios.

Entrementres, outros Estados, como Dinamarca, están a seguir a senda marcada polo Reino Unido tras o seu polémico acordo para enviar a Ruanda ás persoas que solicitasen asilo, dándolles a escoller entre iso ou deportalos aos seus países de orixe.

Copenhague xa anunciou en abril que enviará a unha prisión en Kosovo os presos estranxeiros antes de deportalos unha vez rematen a súa condena. Asemade, o Executivo progresista está a negociar un acordo con Ruanda para remitirlle os solicitantes de asilo no país. A ONU xa advertiu que Kigali non cumpre coas “garantías e estándares suficientes” de seguridade e respecto aos dereitos humanos.

Desde 2014, os rexistros da Organización Internacional para as Migracións sinalan que 25.341 persoas perderon a vida ou desapareceron tratando de cruzar o Mediterráneo para chegar á UE.

Comentarios