Nova condena a Francia pola falla de atencións a persoas refuxiadas

Aprecia unha violación do artigo 3 da Convención Europea dos Dereitos Humanos, que prohibe a tortura e os tratos inhumanos e degradantes, e obriga ao pago de multas a tres solicitantes de asilo de entre 10.000 e 12.400 euros.
EuropaPress_2366306_11_september_2019_france_calais_migrant_who_want_to_go_to_uk_sits_next_to
photo_camera Migrante en Calais, en 2019, á espera de viaxar á Gran Bretaña atravesando o Canal da Mancha en bote (Steve Parsons / PA Wire)

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo condenou a Francia a pagar multas simbólicas de entre 10.000 e 12.400 euros a tres refuxiados que durante meses se viron obrigados a subsistir na rúa sen recibiren do Estado asistencia básica como comida, teito ou atención sanitaria. Os cidadáns, solicitantes de asilo, de nacionalidade afgá, iraniana e rusa, foron "vítimas dun trato degradante que reflicte unha falla de respecto pola dignidade deles", salientou a corte de xustiza.

Francia é "responsábel das condicións en que viviron durante meses na rúa [...] co medo permanente a ser atacados ou atracados", sinalou o Tribunal nun comunicado publicado na súa web, onde se subliña a "ausencia dunha resposta adecuada" por parte das autoridades.

Por exemplo, o cidadán iraniano, nacido en 1974, de profesión xornalista e que acabou conseguindo a condición de refuxiado, viviu nas rúas de París durante seis meses, dos que 133 días pasounos sen recursos ningúns. O cidadán afgán, nacido en 1993 e que tamén logrou finalmente a protección humanitaria, pasou 262 días refuxiado baixo as pontes dos canais da capital francesa. 

O cidadán ruso, nacido en 1990, residía en Carcassonne, onde viviu nunha tenda de campaña á beira do río Aude durante varios meses. O tribunal rexeitou a petición dun cuarto demandante de asilo, tamén procedente de Rusia e nacido en 1987. Ao igual que o anterior viviu nunha tenda de campaña á beira do Aude, en Carcassonne. Fíxoo durante polo menos nove meses, mais recibiu un subsidio de subsistencia durante 63 días.

"Trato inhumano"

As persoas refuxiadas en Francia non poden traballar nos seis meses posteriores á solicitude de asilo mais poden recibir unha axuda financeira mentres esperan pola resposta do Estado. 

O Tribunal sinala na sentenza que "é consciente do continuo aumento no número de solicitantes de asilo desde 2007 e da saturación" existente, ao tempo que recoñece "os esforzos realizados polas autoridades francesas para crear prazas de acollida adicionais e acurtar os prazos de estudo das solicitudes de asilo".

Non obstante, estima que "estas circunstancias non exclúen que a situación dos solicitantes de asilo" é unha violación do artigo 3 da Convención Europea dos Dereitos Humanos, que prohibe a tortura e os tratos inhumanos e degradantes.

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo, dependente do Consello de Europa, é a máxima autoridade xudicial para a garantía dos dereitos humanos e liberdades fundamentais en todo o continente, agás en Bielorrusia, en Kazhakhstán e na Cidade do Vaticano. 

Non é a primeira vez que emite unha sentenza contra Francia polo trato ás persoas refuxiadas. En febreiro de 2019, condenou o Estado a pagar 15.000 euros a un refuxiado afgán por non lle ofrecer asistencia e protección cando, con 12 anos, vivía só no campo improvisado de refuxiados de Calais, no norte do país.

Comentarios