'Superwahljahr': Alemaña pensa en Verde

A locomotora europea inicia un dos anos electorais máis intensos da súa historia recente. É o ano do adeus de Angela Merkel e da posíbel consolidación do partido dos Verdes. Mañá vótase en dous 'länder' e ao longo de 2021 haberá comicios en catro Estados federados máis. A culminación será en setembro, coas eleccións xerais. 
enquisas_lander_alemans
photo_camera Última enquisa sobre as eleccións de mañá nos dous länder, publicada polo 'Frankfurter Allgemeine' (FAZ)

Nun país federal como Alemaña, fondamente descentralizado, os procesos electorais nos länder son sempre seguidos con grande interese. Este 2021 é especialmente relevante: vótase en seis Estados e en setembro elíxese o novo Bundestag, o Parlamento alemán, no ano do adeus de Angela Merkel, a persoa que leva marcando, para ben e para mal, a política da UE nos últimos tres lustros

Actualmente, o Goberno alemán está conformado por unha coalición da conservadora Unión Demócrata Cristiá (CDU); dos seus aliados bávaros, a Unión Social Cristiá (CSU); e do Partido Socialdemócrata (SPD). Segundo a enquisa publicada esta semana pola canle de TV pública, ARD, a CDU e a CSU sumarían 33% en intención de voto, en tanto que o SPD alcanzaría apenas 16%.

Con estas cifras a "gran coalición" non tería posibilidade de seguir gobernando. E aínda que os números desen, o SPD non parece estar polo labor, tal e como manifestou en varias ocasións o líder da formación socialdemócrata e ministro de Finanzas, Olaf Scholz.

Para o partido de Merkel, ademais, a situación podería empeorar. Primeiro, precisamente por non contar con ela ─malia perder cinco puntos, continúa a ser a política mellor valorada en Alemaña, con 64% de apoio cidadán─; segundo, porque a sondaxe de ARD mostra a fatiga que acumula o Goberno alemán pola xestión da pandemia: o ministro federal de Sanidade, Jens Spahn, e o de Economía, Peter Altmeier, ambos os dous da CDU, perderon 12 e 10 puntos, respectivamente. 

E terceiro, polo escándalo de corrupción que levou á dimisión o pasado domingo do deputado federal da CDU Nikolas Löbel tras recoñecer que cobrara dunha empresa por recomendar as súas máscaras sanitarias a institucións públicas do país. Non é o primeiro, tamén Georg Nüsslein (CSU) enriqueceuse desta mesma maneira a comezos da pandemia. E poderían non ser os últimos.

Der Spiegel, o xornal que destapou os casos, afirma que a xustiza sospeita dunha vintena de deputados. Löbel levouse 250.000 euros pola intermediación ilegal, e Nüsslein 660.000 euros.

Reviravolta na esquerda

E da banda do SPD, que tradicionalmente foi quen disputou coa CDU a Chancelaría, leva anos perdendo terreo a favor doutras alternativas. Nas xerais de setembro de 2017 logrou 20,5% dos votos, máis de catro puntos máis do que vaticinan as sondaxes. Non é Die Linke (A Esquerda) o receptor destes sufraxios (en 2017 atinxiu 9,2% e agora estímase que se fará con arredor de 7%). Quen emerxe como nova segunda forza no Bundestag é Os Verdes, que de 8,9% en 2017 pasaría a 20%.

Ante esta perspectiva, a formación ecoloxista contempla entrar no Goberno federal 16 anos despois da coalición co SPD. E non desbota aspirar á presidencia do Executivo. No inicio de ano, os seus dous líderes, Annalena Baerbock e Robert Habeck, deron unha conferencia para esbozar as liñas políticas de cara a este ano. A primeira, malia seguir considerando Os Verdes un "underdog" (usou esta expresión inglesa que fai referencia a un aspirante non favorito), tamén salientou que "por primeira vez un terceiro [na altura aínda non dera o sorpasso á SPD nas enquisas] está a loitar polo liderado deste país". 

Pactos a esquerda e dereita

Oficialmente chamada Alianza 90/Os Verdes (Bündnis 90/Die Grünen), unha fusión en 1993 de partidos a ambos os dous lados do Muro, a formación ecoloxista é moito máis que iso, ecoloxista. 

Na estratexia política exposta por Baerbock e Habeck, fíxose máis fincapé nos aspectos sociais que nos ambientais. Tendencia esta inaugurada con éxito polo Sinn Féin nas elección en Irlanda de 2020, deixando nun segundo plano a cuestión nacional que máis o identifica e incidindo nos problemas socioeconómicos.

En calquera caso, a tradición pactista alemá podería levar a unha peculiar coalición dos Verdes coa CDU/CSU. Non sería a primeira vez que os ecoloxistas realizan unha manobra deste tipo. Tras as eleccións no land de Saarland en 2009, desbotou unha coalición vermella-vermella-verde (co SPD e con Die Linke) e optou por unha coa CDU e cos liberais do FDP (a primeira das chamadas "coalición Xamaica", polas cores destes partidos e as da bandeira do país: amarela, negra-verde).

Mais o mellor exemplo do que pode ser o vindeiro Goberno federal de Alemaña está en Baden-Württemberg, un dos dous Estados que mañá votan e onde Os Verdes e a CDU levan gobernando xuntos catro anos. Para Patrick Bernhagen, profesor de Ciencias Política da Universidade de Stuttgart (capital deste Estado), isto explícase porque "os partidarios da CDU non son tan conservadores como eran antes". "Ao mesmo tempo, os Verdes non son tan ecoloxicamente radicais como eran", dixo a Euronews.

Dous primeiros tests

Con todo, a situación non pode ser equiparábel ao conxunto do país. A taxa de desemprego en Baden-Württemberg é moi inferior á media alemá, e conta cunha potente industria que inclúe empresas como Bosch, Mercedes, Porsche, Hugo Boss e IBM. Ademais, o carisma do líder dos Verdes neste land, Winfried Kretschmann, ten moito que ver con que a formación sexa a máis votada. Os Verdes chegaron ao poder hai dez anos, impulsados polo medo que provocou o desastre de Fukushima e a política nuclear da CDU na altura, explica o xornal bávaro Süddeutsche.

Tamén o carisma da primeira ministra é chave nas eleccións en Renania Palatinado. "A gañadora sempre foi Malu Dreyer", titulaba esta semana unha análise FAZ a respecto da primeira ministra e candidata do SPD. Aquí rexe unha "coalición semáforo" (vermella-amarela-verde), e as enquisas indican se podería manter. Iso si, cunha caída de máis de tres puntos dos socialdemócratas e unha suba de case cinco dos Verdes que, de se confirmar, impulsaría a formación ecoloxista neste Superwahljahr ("súper ano electoral").

comentarios