Suecia deixa sen cartos as entidades pacifistas antes de entrar na OTAN

Unha comisión do lexislativo turco aproba o ingreso de Estocolmo
Ulf Kristersson, primeiro ministro sueco. (Foto: Francois Lenoir / EU COUNCIL / DPA)
photo_camera Ulf Kristersson, primeiro ministro sueco. (Foto: Francois Lenoir / EU COUNCIL / DPA)

Tobias Billström, titular de Exteriores sueco, comunicou que o Executivo decidiu cancelar todo o financiamento público dirixido a organizacións pacifistas, unha achega que se entregou ao longo das últimas décadas, incidindo en que estas entidades terán que optimizar as súas accións a raíz da fin desta vía de financiamento, recolleu hoxe a axencia Prensa Latina.

Múltiples entidades criticaron a decisión. A presidenta da Asociación sueca para a paz e a arbitraxe, Kerstin Bergeo, fixo fincapé en que é unha tentativa de silenciar calquera posición crítica coas políticas de seguridade do Executivo conservador, que depende do apoio externo da extrema dereita de Demócratas.

Mentres 18 organizacións pacifistas recibiron dous millóns de euros de financiamento público en 2023, no orzamento de 2024 o incremento do gasto militar será de máis de 2.000 millóns de euros até os 10.000 millóns.

Apenas 24 horas antes, a comisión de Asuntos Exteriores do lexislativo turco aprobou ratificar a adhesión de Suecia á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), a alianza militar liderada polos Estados Unidos.

En última instancia, o Parlamento, cuxa maioría controla a alianza afín ao presidente Recep Tayyip Erdogan, ten que dar luz verde á medida.

Todo depende de Hungría

Cando o faga, só restará a aprobación de Hungría para que Suecia se una á alianza militar na que xa entrou Finlandia, o outro país que abandonou a súa neutralidade co fin de ingresar na OTAN.

Ambos os dous fixeron distintas concesións a Ancara vinculadas coa persecución das forzas kurdas nos seus territorios entre críticas pola mudanza das súas políticas ao respecto dos dereitos humanos.

Comentarios