Crónica dunha conversa nun pub de Londres

O sprint final de Jeremy Corbyn

No Reino Unido, case todos os temas importantes para o país decídense nun pub cunha boa pinta entre as mans e o seu característico cheiro a alcol rancio e moqueta poeirenta. Si, non semella o mellor plan do mundo para debater pero os brits saben que non hai problema que se resista após unhas cantas ale. A sabiduría local, sempre garantida nun pub, é o mellor medidor da actualidade do país.  

general election
photo_camera Un local eleitoral nos comicios de 2015

Tarde da cuarta feira, un grupo de londinenses intercambian entre pinta e pinta as últimas opinións sobre as eleccións desta quinta feira 8 de xullo no que Reino Unido busca a estabilidade política nunha semana especialmente turbulenta. Olivia, Laura, Aisha, Robert, Peter e Mark; todos londinenses excepto Aisha, escocesa pero residente en Londres. A pregunta inicial do dedate é clara "Que credes que sucederá mañán?". A resposta é unánime. "O único seguro destas eleccións é que os conservadores gañarán, o único que nos queda por saber é por canto", comenta Olivia (licenciada en dereito, de 30 anos) resignada. Ao que todos responden afirmativamente. "Corbyn fixo unha gran campaña electoral, eu votarei por el, superou as miñas expectativas, pero é certo que non chegará a tempo para superar May", engade Mark, músico de 45 anos e votante do partido laborista. Coma el moitos cidadáns, e gran parte da prensa, creen que a campaña do líder laborista superou con moito os medos iniciais de votantes e medios. Pero, tamén sinalan que "as súas políticas non son realistas, di cousas que non teñen sentido práctico", comenta Robert, licenciado en matemáticas de 26 anos, e, por tanto, "non ten sentido votar por el", sentencia dándolle un bo trago á pinta.

"Corbyn fixo unha gran campaña electoral, eu votarei por el, superou as miñas expectativas, pero é certo que non chegará a tempo para superar a May", engade Mark

O certo é que o partido laborista está a vivir un auténtico sprint final. Nun mes Jeremy Corbyn foi capaz de darlle ás enquisas iniciais (25% fronte a un 43% dos conservadores) un auténtico golpe de efecto e deixar a Theresa May rezando por saír da batalla electoral o menos malferida posible. A pregunta que se fai Laura, consultora de 45 anos, é se ese ascenso nas enquisas se debe á boa campaña de Corbyn ou é máis demérito dunha Theresa May que semella vivir nunha "burbulla" até o ponto de moitos meios consideraren que estivo "ausente" nesta campaña. "Eu son unha votante conservadora, estaba contenta con Cameron, incluso con Gordon Brown pero non votarei por Theresa May, non é unha persoa que me inspire confianza e non sei realmente o que pensa", puntualiza Laura. Ela como moitos ingleses debátense nas últimas horas entre o voto 'racional' ou 'útil'. Como Laura moitos votantes consideran que un voto para os partidos minoritarios é un voto perdido, no caso de Inglaterra. "Gústame o candidato do partido liberal democrático da miña área, é o único que realmente se preocupou nesta campaña de falar do Brexit, un tema que realmente me interesa e me preocupa pero non quero malgastar un voto", comenta Laura. Robert, pola súa banda, contesta que non votará porque non lle interesa o que ten que contar May "e menos Corbyn", ningún o fixo ben sinala, engadindo que ningún dos dous merecen o seu voto e que non quere "malgastalo" con outro candidato. Robert considera que nestas eleccións ningún dos candidatos ofreceu un nivel de debate o suficientemente elevado intelectualmente como para atraer a atención de moitos cidadáns. Porén, Aisha (actriz, 25 anos) considera que "votar en conciencia non é malgastar un voto".  Ela, escocesa de nacemento, votará o SNP, o único partido que segundo ela "defenderá no parlamento británico os meus intereses". Non lle interesa, di, votar a un partido que só mira cara arriba (pensando en Escocia) cando lle interesa é que, asegura, non foi quen de escoitar a voz dos escoceses despois do referendum do Brexit. 

Maybot e Monsieur Zen

A prensa inglesa fala estes día da batalla entre 'Maybot' e 'Monsieur Zen'. O xornalista de The Guardian John Crace foi o primeiro en acuñar o término 'Maybot' suxerindo que May é metade robot e metade persona e que pasou os últimos meses loitando entre os seus dous 'eu'. A súa famosa frase strong and stable leadership (liderado forte e estable) repetida coma un mantra apostillando cada resposta non axudou a borrar a súa imaxe fría e distante. Pola súa banda, foi o propio Corbyn quen se denominou a si mesmo como 'Monsieur Zen' respondendo ás críticas que consideran que é demasiado tranquilo e ten falta de 'nervio'. 

pub"May ten sempre a mesma cara, tanto ten se está respondendo a unha pregunta de vital importancia para o país ou se lle estás preguntando se quere o bocadillo de xamón ou de queixo", ri Peter (50 anos, enxeñeiro). "Non podes confiar nunha persoa que cando lle está falando ao país non semella unha persoa honesta cos cidadáns", engade, sinalando que ademais lle deixou o camiño foi fácil a Corbyn o día que decidiu non asistir ao debate electoral. Apoiando as verbas de Peter, Olivia sinala que "o punto a favor de Corbyn é que a pesar das cousas que poden estar en contra del, transmite honestidade cando fala". Laura, pola contra, considera que Corbyn non amosou no debate unha mellor imaxe que May. A pesar de que salienta o seu papel no debate electoral, asegura que lle decepcionou cando na entrevista no programa de radio Woman’s Hour (BBC 4) foi incapaz de recordar o custo do seu plan para ofrecer coidado infantil gratuito aos nenos de dous anos, xusto o mesmo día no que eses datos foran publicados polo partido. 

Todos coinciden en sinalar que, en xeral, a imaxe de Corbyn durante a campaña electoral foi moito mellor do esperado no mes de abril contrariamente ao que sucedeu coa líder conservadora. De feito, as enquisas dos últimos días amosan unha diferenza tan pequena entre os principais partidos que os analistas nos medios ingleses sinalan que "é difícil confiar nelas", despois de amosar a súa baixa fiabilidade nas anteriores eleccións xerais de 2015 e no pasado referendum do Brexit. A última delas, publicada por YouGob onte cuarta feira sitúa o partido laborista con 38% dos votos fronte 42% para a formación conservadora, o que supón 13 puntos para os de Corbyn a respeito do inicio da campaña.

A seguridade nacional golpea May

Tras os ataques terroristas do pasado sábado 4 de xullo na Ponte de Londres e no mercado de Borough a campaña viviu nos últimos días momentos turbulentos coa seguridade nacional como tema principal. Até o momento a seguridade non estaba a ter espazo na campaña, pero ocupa agora o primeiro lugar do discurso da campaña con Corbyn e o partido laborista acusando agriamente May de ser a culpábel directa da precaria situación da policía e dos fallos na seguridade do país que levaron aos ataques en Manchester e Londres. 

A última enquisa, publicada por YouGob onte cuarta feira, sitúa o partido laborista con 38% dos votos fronte 42% para a formación conservadora

Corbyn sinalou o pasado domingo tras os ataques que a má xestión de Theresa May como ministra do Interior ao recortar o número de policías e axentes armados considerablemente abriu fendas na seguridade nacional que impediron aos corpos de seguridade cumprir con garantías o seu traballo. O certo é que nas últimas horas o papel das autoridades británicas continúa a levantar moitas sospeitas debido ao lento da identificación dos corpos das vítimas mortais no ataque, á falta de información ás familias e a especulación sobre a autoría dalgunhas mortes despois de se coñecer que a policía británica disparou 46 balas nas rúas onde se atopaban terroristas e vítimas. 

En resposta a estas acusacións, Theresa May lanzou á cidadanía unha inquietante mensaxe sinalando que non lle tremería o pulso se ten que derrogar ou alterar as leis sobre os dereitos humano de modo a combater o terrorismo. "Estas declaracións farán felices a moitos cidadáns británicos", sinala Olivia, engadindo que "desgrazadamente" parte da sociedade británica non lle importaría vivir completamente illada do resto do mundo para asegurar o país. A Laura preocúpalle especialmente nestes días o contrario, que a saída da Unión Europea e o illamento que busca May fagan máis difícil combater o terrorismo. "Sen acceso a bases de información europeas e a colaboración continua e directa co resto de países da UE o país farase máis vulnerábel e a ameaza será constante", afirma coa faciana preocupada. 

Na conclusión da charla todos volven coincidir en que, ao final, as eleccións que buscaban un liderado forte para afrontar o Brexit coas mellores garantías, non cumprirán co obxectivo. Concordan que moi probablemente os resultados non axudarán para presentar en Bruxelas un líder consolidado e forte para representar os británicos no seu maior desafio político das últimas décadas. A diferenza do strong and stable leadership que buscaba May, o país entrará nunha época inestábel e débil políticamente cun hung parliament (parlamento sen unha maioria clara) difícil de gobernar. "Moita xente ten a sensación de que estas eleccións só servirán para empeorar a situación política e económica do país", sentencia Olivia despedíndose e desexando que, unha vez máis, as enquisas se equivoquen, desta volta en favor do partido laborista e Jeremy Corbyn.

Nota: a fotografía inserida no meio do texto é dun pub londinense (tomada da Wikipedia).

Comentarios