O BNG podería triplicar a súa representación no Congreso dos Deputados

As sondaxes apostan por unha maioría do PP e de Vox no Estado español

A práctica totalidade das sondaxes publicadas ao longo desta semana coinciden en situar o Partido Popular como forza política máis votada, sumando con Vox, practicamente, a maioría necesaria para gobernar.
Santiago Abascal e Pablo Casado canda outros líderes de Vox e do PP na manifestación da praza de Colón de febreiro de 2019. (Foto: Europa Press) #vox #pp #colón #casado #abascal
photo_camera Santiago Abascal e Pablo Casado canda outros líderes de Vox e do PP na manifestación da praza de Colón de febreiro de 2019. (Foto: Europa Press)

Semana de enquisas. Se o sábado era La Voz de Galicia quen daba a coñecer un estudo electoral de Sondaxe, dous días despois o diario El Mundo facía o propio con outro traballo de Sigma Dos, recollendo esta cuarta feira o dixital El Confidencial unha sondaxe de IMOP. Ao tempo, na terza feira, os medios do grupo Henneo publicaban unha enquisa do instituto DyM, divulgándose ese mesmo día un estudo da empresa Simple Lógica. Así as cousas, a práctica totalidade das sondaxes coincidían en situar o Partido Popular como forza política máis votada, sumando con Vox, practicamente, a maioría necesaria para gobernar.

A tendencia das enquisas desta semana alíñase cos traballos sociolóxicos publicados nos últimos meses. O PP aparece como forza destacada, movéndose entre un máximo de 129 escanos que lle outorga Sigma Dos e un mínimo de 108 que lle concede Simple Lógica, superando de longo as 89 actas obtidas nas eleccións de novembro de 2019. A segunda forza da dereita é Vox, situada entre 61 deputados, aproximación de Simple Lógica, e 47 en opinión de Sigma Dos. Sexa como for, a totalidade das sondaxes colocan estas dúas formas próximas á maioría absoluta e nalgúns casos por riba dela.

As forzas da esquerda estatal continúan a súa caída. As diferentes enquisas deixan os socialistas moi lonxe dos 120 escanos logrados nos comicios de novembro 2020, colocándose nunha franxa de 101 a 95. Unidas Podemos tamén retrocede en relación ás 35 actas que mantén na actualidade no Congreso, movéndose segundo as sondaxes entre 33 e 25 deputados. Más País, a forza liderada por Íñigo Errejón, mellora a súa perspectiva de voto, sumando un representante máis pola circunscrición de Madrid.

As nacións sen Estado resisten á dereita

As nacións sen Estado son os únicos territorios en resistir o avance da dereita. Así, en Catalunya as sondaxes manteñen ERC e Junts per Catalunya na súa representación actual e prevén unha lixeira alza da CUP, que pode sumar un deputado máis. En Euskadi, Bildu conserva as súas cinco actas, avanzando unha o PNV, para sumar sete. As enquisas tamén lle dan un crecemento ao BNG na Galiza, colocándoo o estudo de IMOP para El Confidencial en tres escanos. Na mesma liña, ningún dos traballos de opinión divulgados nas últimas semanas outorgan unha maioría á dereita na Galiza, Euskadi e Catalunya, obtendo nestas dúas últimas nacións uns resultados testemuñais.

As enquisas son fotos fixas de momentos concretos polo que o seu interese está nas tendencias que marcan. Neste sentido, merece relevo a posición do PP, que non só suma votos pola dereita senón que comeza a ocupar espazos do centro lindeiros co PSOE. Ao tempo, os socialistas seguen sen recuperar posicións malia as mudanzas no Goberno e no partido após o seu último Congreso.

Mentres tanto, Unidas Podemos certifica certa recuperación en relación cos meses anteriores e Vox mantense, cos populares entrando cada vez de maneira máis clara no seu electorado. Por último, as forzas nacionalistas consolidan a súa presenza e semellan estar chamadas a seguir xogando un papel chave na vindeira lexislatura.

A esquerda gaña na Galiza

As eleccións estatais de 2019 xa colocaron as forzas de esquerda como primeira opción en intención de voto na Galiza. A enquisa de Sondaxe publicada o pasado sábado debuxaba un escenario moi semellante, co PP con 10 escanos e 33,9% dos sufraxios, co PSOE con 9 escanos e 31,3% dos sufraxios, co BNG con 2 escanos e 12,4% dos sufraxios e con Galiza en Común con 2 escanos e 10,8% dos sufraxios.

A posibilidade dun resultado na liña do previsto polas sondaxes bota por terra moitos dos tópicos construídos sobre o comportamento electoral dos galegos e representa un motivo de reflexión para as forzas de oposición a Alberto Núñez Feixoo, incapaces nas últimas citas de trasladar ao escenario galego os resultados dos comicios locais ou estatais.

Comentarios