Soberanistas no Congreso reafírmanse na forma en que acataron a Constitución

O sector máis ultra do Tribunal Constitucional (TC) quere abrir un debate para deixar sen efecto 29 escanos de formacións soberanistas e de Unidas Podemos no Congreso, por acataren a Constitución española con fórmulas en defensa da democracia. Xa en decembro Vox, PP e Ciudadanos pediron que non se aceptase a asunción do cargo deses representantes. O PP afirmou que presentaría unha denuncia no TC e Vox adiantóuselle. Nós Diario conversa sobre esta situación cos congresistas Néstor Rego (BNG), Mertxe Aizpurua (EH Bildu), Marta Rosique (ERC) e Miriam Nogueras (Junts). 

Néstor Rego (BNG), Mertxe Aizpurua (EH Bildu), Marta Rosique (ERC) e Miriam Nogueras (Junts) son parlamentares no Congreso.
photo_camera Néstor Rego (BNG), Mertxe Aizpurua (EH Bildu), Marta Rosique (ERC) e Miriam Nogueras (Junts) son parlamentares no Congreso.

"Por imperativo legal, co compromiso de defender Galiza, a democracia e a soberanía, prometo". Con estas palabras e cun exemplar do Sempre en Galiza na man, o deputado do BNG, Néstor Rego, acatou formalmente a Constitución española para así tomar posesión do escano no Congreso o pasado 3 de decembro.

O representante do Bloque asegura a Nós Diario que daquela xa era consciente de que se poderían producir reclamacións da ultradereita españolista para procurar invalidar a súa acta por non terse limitado a xurar a Carta Magna española, mais asegura que tamén era consciente da necesidade de defender a liberdade de expresión. "O BNG non está a favor da Constitución española e por tanto ten que ter dereito de expresar no Congreso o seu punto de vista", di.

Que o TC acabe por estudar a anulación das actas é para Rego o resultado da visión antidemocrática e españolista que teñen algunhas forzas políticas, especialmente na dereita e ultradereita. "É o correlato no parlamento da negación da existencia de nacións diferentes da española, da negación da Galiza, da súa lingua e cultura", resalta.

Asegura o nacionalista que xa nada lle pode sorprender da xustiza española, pois, aínda que "sempre foi moi reaccionaria e un niño de posfranquistas, nos últimos anos isto maniféstase de maneira máis aberta e desacomplexada".

Rego confesa que non lle estrañaría que, habendo unha sentenza anterior que dá por válida as distintas fórmulas de acatamento, "agora haxa outra sentenza que as invalide". O deputado conclúe sinalando que "non debería existir o requirimento de xurar a Constitución", habendo forzas  que non a comparten. Subliña a gravidade de invalidar escanos e aínda por riba de maneira retroactiva, porque ficarían sen representación millóns de persoas. 

"Para quitarnos do medio"

A voceira de EH Bildu no Congreso, Mertxe Aizpurua, lembra a Nós Diario que xa nos anos 90 o TC dera validez a distintas fórmulas de acatamento, e afirma que "hai unha viraxe cara á involución". A abertzale advirte ademais de que, cunha posíbel invalidación de actas, "moitas cuestións terían que ficar sen efecto, desde a investidura de Pedro Sánchez até todo o que se aprobou nesta lexislatura". 

"O único que lles importa é dar as costas aos dereitos e que as independentistas abracemos a Constitución e a unidade de España", sinala Aizpurua, para quen "a dereita española e a extrema dereita queren levarnos ao cárcere e quitar do medio a todo aquel que pense diferente". 

As actas son indiscutíbeis

Marta Rosique, deputada de Esquerra Republicana de Catalunya, tamén recorda que prometeron o cargo con base nunha sentenza do TC existente que avala facer o acatamento con distintas palabras. Por iso, á deputada pareceríalle "moi grave que agora se queira anular actas e que a dereita e a extrema dereita gañen e nos illen". Rosique subliña que en ERC se opoñen "a que nin tan sequera se empece a discutir unha cuestión como esta". 

Con lealdade ao pobo

"Con lealdade ao mandato democrático do 1 de outubro e ao pobo de Catalunya" asumiu o escano Miriam Nogueras (Junts per Catalunya). A soberanista ve no TC unha nova manobra contra a libre expresión. "Nestes 40 anos de suposta democracia, o Estado non brillou polo seu respecto á liberdade de opinión, empezando polo músico Valtònyc e a cidadanía de Catalunya apalizada pola policía patriótica española o 1-O", comenta Nogueras.

A deputada non ten confianza algunha no TC, "un tribunal cuxo último presidente tiña carné do PP, que tombou decisións democráticas do Parlament e cuxo obxectivo é defender unha unidade española  imposta con violencia". 

Aos membros que se denominan conservadores no TC Miriam Nogueras cualifícaos de "fascistas", polo que ten claro que "se a eles lles interesa que a invalidación das actas vaia para adiante, irá". Nogueras conclúe a conversa subliñando que "ao fascismo non se lle pode tolerar nin abrir portas, pois ao fascismo só hai unha maneira de vencelo, que é combaténdoo". 

Comentarios