Sánchez insta o PP a negociar a renovación do Poder Xudicial tras quedar "sen escusas"

A Fiscalía Xeral prepárase para aplicar a amnistía.
Pedro Sánchez, hoxe. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, hoxe. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

“Acabáronse as escusas” para impedir a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial español, sostivo hoxe o presidente estatal, Pedro Sánchez (PSOE), en alusión á obstrución do Partido Popular (PP) á remuda do organismo, que leva máis de cinco anos en funcións, máis tempo que o estivo co mandato en vigor.

O mandatario culpou os conservadores por estar “a bloquear e incumprir” unha obriga recollida na Constitución española, e reclamou proceder coas conversas para que sexa designada unha nova composición “durante esta lexislatura”, o que require dunha maioría de tres quintos no lexislativo. Asemade, sinalou que a cidadanía é a principal afectada pola deterioración do sistema de Xustiza que implica a situación actual.

Estas declaracións producíronse precisamente na conmemoración do 45 aniversario do referendo no que foi aprobada a Constitución española, nunhas votacións nas que a Galiza foi o segundo territorio no que menos porcentaxe de poboación votou -arredor da metade-, só superado por Euskadi.

No acto institucional que decorreu no Congreso, a presidenta da Cámara Baixa, Francina Armengol, tamén do PSOE, indicou en referencia á Carta Magna que é preciso alcanzar acordos para “cumprila e desenvolvela”.

As forzas nacionalistas, Bloque Nacionalista Galego (BNG), EH Bildu, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Junts e o Partido Nacionalista Vasco (PNV) non asistiron ao evento. Tampouco foi a ultraespañolista Vox, que inculpou Sánchez de escenificar o seu apoio á Constitución e logo “rompela en mil anacos”.

Pola súa parte, o presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, responsabilizou Sánchez de “liderar un movemento en contra da Constitución española”, insistindo en que non pode “vir celebrar a Constitución” e despois, “no mesmo lugar”, defender o Proxecto de lei orgánica de amnistía, que cualificou como “unha emenda á totalidade” do texto constitucional.

Amnistía

Ao tempo, transcendeu que a Fiscalía Xeral do Estado solicitou á Fiscalía Superior de Catalunya e á representación do Ministerio Público no Tribunal Supremo e a Audiencia Nacional que remitan información “detallada, individualizada e sistematizada” da situación dos procesos xudiciais relacionados con persoas independentistas catalás represaliadas polo Estado, de cara á aplicación da amnistía unha vez aprobada e promulgada, unha medida que reprochou a conservadora Asociación de Fiscais.

Comentarios