Rusia critica a "expropiación" dos seus fondos por parte da Unión Europea, que os usará para armar Ucraína

Bruxelas confiscará os xuros dos activos rusos conxelados.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. (Marwan Naamani / DPA vía Europa Press)
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. (Marwan Naamani / DPA vía Europa Press)

A Unión Europea (UE) é consciente do “perigo potencial desas decisións e entende o perigo das posíbeis consecuencias, que son inevitábeis, por iso optou por unha versión reducida, pero esta non é máis que unha expropiación”, resolveu a cuarta feira o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov.

Á última hora da terza feira, Bruxelas comunicou que fechou un acordo para usar as ganancias xeradas polos activos rusos conxelados en armar Ucraína.

Os 210.000 millóns de euros do Banco Central da Federación Rusa conxelados pola UE a raíz da invasión rusa en Ucraína, a meirande parte localizados en Bélxica, están a xerar arredor de 3.000 millóns de euros anuais en xuros.

O bloque comunitario acordou dedicar 90% desas ganancias ao Fondo Europeo de Apoio á Paz, usado para financiar armas e munición en dirección a Kíiv.

O 10% restante será incluído no orzamento da UE e utilizarase para reforzar a industria de defensa ucraína ou a reconstrución do país após a fin da guerra.

“Todos eses ingresos seguen a ser ingresos dos nosos activos e transferilos para outros fins é tamén unha violación de todas as regras e normas do sistema económico e financeiro mundial”, reiterou Peskov.

No marco da presión dos Estados Unidos para confiscar os activos rusos na súa totalidade, a presidenta do Banco Central Europeo, Christine Lagarde, advertiu que “moitos” xuristas apuntan que podería “interpretarse como unha violación da orde xurídica internacional”.

A finais de abril Moscova advertiu que nesta situación ampliaría a cifra de activos de empresas estranxeiras de países hostís en Rusia postos baixo xestión externa co fin de formar un fondo de compensación.

Comentarios