Caso 'Pegasus'

Robles pon á fronte do CNI a súa 'número dous' após destituír Paz Esteban polas espionaxes

Esperanza Casteleiro é unha persoa da máxima confianza da ministra e desde 2020 ostentaba a secretaría de Estado de Defensa. Ingresou no CNI en 1983.
A nova directora do CNI, Esperanza Casteleiro, nunha comparecencia anterior no Congreso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera A nova directora do CNI, Esperanza Casteleiro, nunha comparecencia anterior no Congreso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

A até o de agora secretaria de Estado de Defensa, Esperanza Casteleiro, foi nomeada esta terza feira nova directora do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) en substitución de Paz Esteban, destituída como consecuencia do escándalo de espionaxe co programa Pegasus.

Casteleiro é unha persoa cunha longa traxectoria profesional no CNI, do que chegou a ser secretaria xeral, segundo lembrou esta terza a ministra de Defensa, Margarita Robles, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras que deu o visto e prace á substitución na cúpula de Intelixencia.

Secretaria de Estado de Defensa desde xuño de 2020, é unha persoa de gran confianza de Robles, coa que chegou ao Ministerio de Defensa como directora de gabinete.

Casteleiro ingresou no Centro Nacional de Intelixencia no ano 1983, ocupando até 2018 diversos postos en unidades centrais e no despregamento exterior —en Cuba e Portugal—, sempre no ámbito da Intelixencia.

O 28 de setembro de 2004 foi nomeada secretaria xeral do CNI, cargo que ostentou até xuño de 2008. Entre 2008 e 2014 ocupou novos destinos en unidades de Intelixencia no exterior e desde 2014 até a súa chegada a Defensa ocupaba a xefatura da Unidade de Intelixencia do CNI no Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado.

Paz Esteban, destituída

O Goberno español acordou a destitución da directora do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Paz Esteban, como consecuencia do 'caso Pegasus' e tras 39 anos de traballo nos servizos de Intelixencia.

Esteban era a principal sinalada tras destaparse o informe de Citizen Lab sobre unha presunta espionaxe a máis de 60 políticos independentistas a través do programa Pegasus. Ademais, o Goberno revelou a pasada semana que tamén foran extraídos datos mediante o mesmo programa dos teléfonos móbiles do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e da ministra de Defensa, Margarita Robles.

Comentarios