Rivera facturou o discurso máis duro da primeira sesión de investidura, un remake da súa campaña de grosas descualificacións contra o líder do PSOE. "O que tería un coste insoportábel é que vostede execute o plan contra España sen oposición" , dixo para a seguir proclamar: "Aquí facemos un debate, pero no cuarto do lado están a negociar os indultos".
"Quedounos claro, Sr. Rivera. E... en fin... entendín a mensaxe", respondeu Sánchez na súa quenda de réplica. E iso foi todo, a réplica máis curta da historia dos debates de investidura. Con ese xesto o candidato socialista escenificaba o ninguneo a Rivera, á quen non concedeu na práctica estatus de interlocutor ao constatar o que calquera observador da política estatal tiña meridianamente claro antes do debate: que non existía a menor hipótese de que Rivera se fose abster para viabilizar catro anos máis de Sánchez na Moncloa.
Porén, Sánchez non dubidou en se dirixir a Rivera para lle pedir que facilitase a formación dun novo goberno socialista. "Un liberal e un centrista non bloquea España", dixo o candidato do PSOE, quen afeou a Cs o seu achegamento á ultradereita de Vox.