xoves 01/10/20

Reiníciase en Londres a vista sobre a extradición de Assange aos EUA

O fundador de WikiLeaks, acusado de espionaxe, podería ser condenado a 175 anos de cárcere se a xustiza estadounidense o declara culpábel.
EuropaPress_3304192_07_september_2020_england_london_activists_hold_placards_calling_for_the
Manifestación en Londres na segunda feira, 7 de setembro, a favor de Assange (Luciana Guerra / PA Wire)

Un tribunal de Londres retomou na segunda feira, 7 de setembro, a vista para decidir se o fundador de WikiLeaks, Julian Assange, debe ser extraditado aos Estados Unidos, onde o espera un xuízo por espionaxe nun controvertido caso onde os seus defensores denuncian unha grave vulneración da liberdade de prensa.

Tras unha primeira semana de vistas en febreiro, Assange, de 49 anos, debía volver ante os tribunais en abril mais o proceso viuse atrasado pola pandemia de coronavirus que, segundo os avogados del, impediulles acceder ao cárcere para preparar o caso.

Prevese que as vistas duren tres ou catro semanas e estean marcadas polas protestas: os seguidores do experto informático australiano convocaron na segunda feira a primeira ás portas do tribunal.

Antes de se pronunciar sobre a solicitude de extradición, a xustiza inglesa debe asegurarse de que non sexa desproporcionada nin incompatíbel cos dereitos humanos. Recluído nunha prisión de Londres de alta seguridade desde a súa detención en abril de 2019 na embaixada de Ecuador ─onde viviu refuxiado nun pequeno cuarto durante sete anos─ Julian Assange podería ser condenado a 175 anos de cárcere se a xustiza estadounidense o declara culpábel.

Revelación de torturas

Washington acúsao de pór  en perigo informantes e activos estratéxicos coa publicación en 2010 de comprometidos documentos secretos sobre as accións militares estadounidenses no Iraq e no Afganistán, que revelaron actos de tortura, mortes de civís e outros abusos. 

Porén, para o seu comité de apoio, son "cargos con motivación política" e "un ataque sen precedentes á liberdade de prensa e ao dereito do público a saber".

comentarios