Raúl Castro reclama ante Obama a fin do bloqueo a Cuba

O presidente estadounidense di que o embargo “vai finalizar”, se ben non dá unha data. Admite que “non corresponde” a EUA “determinar a forma de goberno de Cuba nin tampouco a súa economía”.

Raúl Castro e Barack Obama, nunha imaxe de arquivo

Após dúas horas de reunión no Palacio da Revolución, Raúl Castro e Barak Obama compareceron xuntos ante a imprensa, nunha imaxe histórica que se suma á vivida unhas horas antes como foi a dun presidente de EUA rendindo honras a José Martí en plena Praza da Revolución, entre retratos do Che Guevara e Camilo Cienfuegos. Imaxe esta que se veu sumar á foto producida momentos antes como foi a dun mandatario estadounidense percorrendo a pé 'La Habana vieja' . Esgótanse os adxectivos de 'histórico' para unha visita que xera unha enorme expectación.

Raúl Castro destacou a importancia da visita, non só para EUA e Cuba máis para todo o continente, e recoñeceu os pasos dados por Obama. Mais pediulle que debe dar o paso máis importante, levantar o bloqueo, “que é o obstáculo máis importante para o noso desenvolvemento”. Tamén solicitou Castro a devolución de Guantánamo, territorio cubano ocupado "ilegalmente" por EUA. Castro recoñeceu que na xuntanza con Obama tamén puxo sobre a mesa cuestións como Venezuela e Colombia.

De por parte, Obama falou de que estaban “nun novo día” para as relacións entre EUA e Cuba e sinalou que “a normalización das relacións sigue avanzando”. O presidente de Estados Unidos afirmou que o futuro de Cuba será decidido polos cubanos “e ninguén máis”. Mais tamén pediu pasos de cara a máis democracia e liberdade. "Son valores universais, non só de EUA".

“Deme a listaxe de presos políticos para soltalos”

Na quenda de preguntas, un xornalista preguntou Raúl Castro por qué non libertaba os presos políticos. “Que presos?”, respondeu o mandatario cubano, espetándolle ao periodista que se lle daba unha listaxe co nome de eses presuntos presos, soltaríaos. Nas respostas aos xornalistas, o mandatario cubano insistiu en que non se debía usar unha dupla vara de medir ao falar de dereitos humanos. “Hai 61 instrucións internacionais sobre dereitos humanos. Saben cantos países os cumpren todos? Ningún”, dixo. Nesta liña, Raúl Castro defendeu a sanidade e educación como dereitos humanos. “Como pode morrer unha crianza por non poder ser vacinada?”, preguntou, referíndose a que iso non é considerado violación dos dereitos humanos polos mesmos que acusan a Cuba de non respectalos.

Obama, no Centro Galego

A axenda do presidente de Estados Unidos ten varias citas esta terza feira. Unha delas, o discurso que ofrecerá no Centro Galego da Habana, actualmente o Teatro Nacional. E que será retransmitido por radio e televisión.

En 1906 a Sociedade  Beneficencia de Naturais de Galiza comprou por 525 mil pesos un teatro e o predio onde este se ubicaba construír aí o Centro Galego. O edificio, unha xoia arquitectónica, levantouse entre 1907 e 1915 e custou 1.800.000 pesos. O proxecto foi o do arquitecto belga Paul Belau, cuxa proposta foi seleccionada entre varias presentadas a concurso. Foi incautado pola Revolución en 1959.

Comentarios