Rajoy defende que o seu obxectivo é "crear emprego" nunha rolda de imprensa onde respostou dúas preguntas

Foi após a xuntanza que mantivo co primeiro ministro de Irlanda e presidente de quenda da UE, Enda Kenny, e na primeira comparecencia após a última EPA, que rexistrou 6.202.700 persoas desempregad@s


A noticia non era o que ía dicir, senón que o diría cara a cara fronte @s xornalistas, e non a través dunha televisión de plasma. Pasadas as oito do serán, o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, compareceu en rolda de imprensa canda o primeiro ministro de Irlanda e presidente de quenda da UE, Enda Kenny, após unha xuntanza que ambos os dous mandatarios mantiveron en Granada. 

"O Goberno sabe o que fai", dixo Rajoy en referencia ás políticas económicas que está a aplicar e que deixaron no último mes unha cifra de desempregad@s que supera os seis millóns en todo o Estado e d@s cales dous millóns non reciben ningún tipo de prestación. No Consello de ministr@s da sexta feira, día 26, presentáronse novas medidas que contemplan a suba de impostos e o Executivo español recoñeceu que durante o que queda de lexislatura seguirá a se destruír postos de traballo. Isto foi o que recoñeceron na sexta feira. Porén, este domingo e diante do presidente irlandés, Rajoy dixo que "remataremos a lexislatura creando emprego".

O día 25 de abril a Enquisa de poboación activa (EPA) contabilizaba 6.202.700 persoas desempregadas e Rajoy non dixo ren. Agora asegurou que as súas decisións "non teñen outro obxectivo que crear emprego", pediu "paciencia" e acrecentou que el prefire "dicir a verdade, por dura que sexa, que erguer castelos no ar". Malia ser convocada como rolda de imprensa, Rajoy respondeu unicamente dúas preguntas dos medios de comunicación que lle cubriron o acto. O seu homólogo irlandés non abriu a boca até que, unha vez concluída a intervención do presidente español, marmurou un tímido "grazas".

Comentarios