Putin: "Occidente esqueceu quen derrotou o nazismo"

O presidente ruso enxalza a "operación militar" executada en Ucraína nun 9 de maio que Von der Leyen celebra desde Kíiv cunha reunión con Zelenski.
Discurso do presidente de Rusia, Vladimir Putin, no Día da Vitoria. (Foto: Kremlin)
photo_camera Discurso do presidente de Rusia, Vladimir Putin, no Día da Vitoria. (Foto: Kremlin)

A Federación Rusa celebra o segundo Día da Vitoria desde o estoupido da guerra en Ucraína e o seu presidente, Vladimir Putin, volve insistir no seu discurso ante as masas en Moscova en que se está a librar unha "verdadeira guerra" contra o seu país. "Protexerémonos, a nós e ao Donbass", asegurou, ao tempo que cuestionou o "odio" e a "rusofobia" que, ao seu xuízo, están a abandeirar os países de Occidente.

Cada 9 de maio a cidadanía rusa celebra a vitoria contra o réxime de Adolf Hitler en 1945 e, no marco desta efeméride, Putin acusou Occidente de "esquecer" quen derrotou as tropas nazis na Segunda Guerra Mundial. O dirixente afirmou ante unha ateigada Praza Vermella que, a pesar do conflito bélico actual, "para Rusia non hai países non amistosos, nin en Occidente nin en Oriente".

O seu país, insistiu, busca un "futuro pacífico" para a rexión, mais está disposto a facer "o que for preciso" para "protexer" as súas fronteiras e cidadanía, así como a poboación do Donbass. "O futuro do Estado ruso depende dos participantes da operación militar especial [en Ucraína]", reiterou.

Putin aproveitou a súa intervención para render homenaxe aos "heroes" das Forzas Armadas de Rusia, e mostrouse orgulloso do labor dos seus militares en Ucraína desde febreiro de 2022, país que, defendeu, é na actualidade "refén das súas ambicións". "Calquera ideoloxía supremacista é criminal", sentenciou.

Von der Leyen, en Kíiv

Mentres Vladimir Putin pronuncia o seu discurso ante a multitude en Moscova, as autoridades comunitarias celebran este 9 de maio un Día de Europa que protagoniza a visita de Ursula von der Leyen a Kíiv. A presidenta da Comisión Europea reunirase ao longo da xornada co mandatario ucraíno, Volodimir Zelenski, para abordar unha nova entrega de armamento e apoio financeiro.

Chegada de Ursula von der Leyen a Kíiv esta terza feira.
Chegada de Ursula von der Leyen a Kíiv esta terza feira.

Esta é unha "visita simbólica" pola data, mais tamén servirá para "preparar o terreo", avanzou, de cara á futura adhesión de Ucraína á Unión Europea. Chega tamén nun momento no que os países da UE debaten a aprobación dunha nova rolda de sancións contra Rusia no marco da invasión de Ucraína.

Wagner abandona Bakhmut

Por outra parte, esta mesma terza feira o líder do grupo paramilitar Wagner, Yevgeni Prigozhin, confirmou o inicio da anticipada retirada das súas tropas da cidade de Bakhmut (Donetsk), principal foco dos combates no momento actual. O Goberno de Putin, dixo, é "incapaz de defender Rusia".

Comentarios