Rusia e Ucraína acúsanse mutuamente de bombardear a contorna da central nuclear de Zaporijia

A OIEA lembra que, "cun incremento dos intercambios armados, a posibilidade dun accidente na central nuclear tamén sobe".

Central nuclear de Zaporiyia (Foto: Bai Xueqi / Xinhua News).
photo_camera A central nuclear de Zaporiyia foi escenario de enfrontamentos nas últimas datas entre os exércitos de Ucraína e Rusia. (Foto: Bai Xueqi / Xinhua News)

Rusia e Ucraína cruzan acusacións a respecto dos bombardeos que nas últimas horas afectaron a cidade de Energodar, onde se atopa a central nuclear de Zaporijia, un dos principais campos de batalla desta guerra e que preocupa especialmente á comunidade internacional.

"O bombardeo caeu en primeiro lugar sobre a zona industrial e logo sobre a mesma cidade. Comezou arredor da noite e non se detivo até esta mañá", apuntou o alcalde ucraíno da cidade, Dmitro Orlov, na súa conta de Telegram. Aliás, informou dos "danos" ocasionados nunha das subestacións da central e en parte dun edificio gobernamental.

Porén, segundo recolle a axencia Tass, as autoridades rusas na zona acusan o Exército ucraíno de perpetrar os bombardeos: "Están bombardeando Energodar usando varias armas. Os ataques teñen como obxectivo diferentes partes da cidade".

Os líderes prorrusos afirmaron tamén que as tropas ucraínas intentaron "tomar" a central nuclear, a máis grande de Europa, que permanece baixo control ruso desde o pasado 4 de marzo e que, desde entón, foi obxecto de múltiples enfrontamentos.

Un risco en aumento

O director xeral do Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA), Rafael Grossi, celebrou esta terza feira a "disposición manifestada" por parte de Rusia e Ucraína de estabelecer unha "zona de protección" arredor desta planta nuclear.

"Cun incremento dos intercambios armados, a posibilidade dun accidente na central nuclear tamén sobe. Polo tanto, insisto aínda máis na necesidade de lograr ese acordo", engadiu, ao tempo que incidiu no "compromiso" dado por Vladimir Putin e Volodimir Zelenski.

Desde o OIEA, aliás, veñen de informar de que dous traballadores da planta de Zaporiyia foron "detidos polas tropas rusas", un feito que cualificaron de "preocupante". O director xeral adxunto destas instalacións, Valeriy Martiniuk, foi liberado esta terza feira após ser tamén detido a pasada semana.

Comentarios