Putin asina a adhesión a Rusia de Donetsk, Luhansk, Zaporiyia e Kherson

A cerimonia de asinamento dos acordos de adhesión a Rusia das repúblicas de Donetsk e Lugansk e das rexións de Khersón e Zaporiyia, terá lugar esta sexta feira, segundo confirmou o portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov.
Vladimir Putin, no Kremlin. (Foto: Mikhail Klimentyev / Planet Pix / DPA)
photo_camera Vladimir Putin, no Kremlin, (Foto: Mikhail Klimentyev / Planet Pix / DPA)

A cerimonia dos acordos de adhesión a Rusia das repúblicas de Donetsk e Lugansk e das rexións de Khersón e Zaporiyia, terá lugar esta sexta feira, segundo confirmou o portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, se ben na quinta feira xa se asinaron os decretos. Peskov indicou que a firma terá lugar ás 15 horas (local) e agregou que o presidente ruso, Vladimir Putin, se reunirá cos líderes dos catro territorios, que se desprazaron a Moscova para este acto após a organización dos referendos de adhesión á Federación Rusa.

Así, recalcou que o máximo mandatario ruso "dará un gran discurso" durante o acto e matizou que "non será unha mensaxe do presidente á Asemblea Federal". "É moi importante non confundilo. É un formato diferente".

Neste sentido, especificou que estes catro territorios serán aceptados en Rusia tras "organizar referendos e realizar a petición correspondente" ás autoridades do país euroasiático. "As reunións (entre Putin e os líderes destes territorios) terán lugar no marco desta cerimonia", especificou Peskov.

Horas antes deste anuncio, o secretario do Comité Central do Partido Comunista da Federación Rusa, Alexander Yushchenko, desvelou que os deputados do seu partido foran convidados (polo partido de Putin, Rusia Unida) a este acto no Kremlin, polo que se espera a presenza de membros da Cámara rusa, onde a adhesión destes catro territorio goza de boa acollida. O propio líder do Partido Comunista ruso, Gennady Zyuganov, dixo que "é preciso protexermos a escolla que foi feita nos referendos". 

Leonid Slutsky do partido Liberal Democrático insistiu en que "os nosos irmáns levan oito anos loitando por poder falar e agora, por fin, voltarán á nosa patria". Sergey Mironov do partido Unha Rusia Xusta, Pola Verdade, alegou que "os pobos do Donbás e de Zaporiyia e Kherson deixaron moi clara cal é a súa vontade democrática". 

Apoios a Zelenski

Perante esta situación, a primeira ministra británica, Liz Truss, e o chanceler alemán, Olaf Scholz, comunicáronse por teléfono co presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, para trasladar "o seu apoio" a Kíiv e comunicarlle que non recoñecerán a adhesión a Rusia dos catro territorios. 

"O chanceler salientou que Alemaña non deixará de achegar apoio político, financeiro e humanitario a Ucraína, así como na defensa da súa soberanía e integridade territorial, incluída a subministración de armas", relatou nun comunicado a Chancelaría alemá.

Pola súa parte, o Reino Unido tamén se sumou ao rexeitamento dos referendos e da adhesión, á vez que expresou, nun comunicado do número 10 de Downing Street, que Kíiv poderá depender do apoio do Reino Unido até que o presidente ruso, Vladimir Putin, sexa "derrotado". 

A UE tamén pediu novas sancións para Rusia e a OTAN e os EUA tacharon os referendos de "farsa".

Reportan 30 mortos tras bombardeo ucraíno

Neste contexto, Rodión Miroshnik, o embaixador de Luhansk en Rusia, comunicou esta quinta feira que na rexión de Járkov "polo menos 30 persoas faleceron, entre elas varias crianzas, por causa dun bombardeo ucraíno a un convoi de refuxiados". Tamén autoridades ucraínas denunciaron esta quinta feira un ataque ruso no seu territorio que deixou "tres persoas mortas".

Zelenski convoca o Consello de Seguranza ante a adhesión

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, convocou para esta sexta feira o Consello de Seguridade e Defensa, do que poderían saír novos anuncios coincidindo coa adhesión dos catro territorios. O portavoz de Zelenski para a prensa, Sergei Nikiforov, confirmou a convocatoria nunha mensaxe na rede social Facebook en que adiantou que proximamente se fará pública a axenda da reunión e os temas a tratar na cúpula de seguridade ucraína.
 

Comentarios