Cal é o futuro da Commonwealth após o falecemento de Isabel II? O republicanismo sacode as cinzas do imperio británico

Países como Antigua e Barbuda e Australia xa abriron a porta a realizar referendos para decidir se seguen coa monarquía como forma de xefatura de Estado.
Carlos III e a secretaria xeral da Commonwealth, Patricia Scotland. (Foto: Europa Press)
photo_camera Carlos III e a secretaria xeral da Commonwealth, Patricia Scotland. (Foto: Europa Press)

O falecemento a pasada semana da raíña de Reino Unido, Isabel II, supuxo o remate dun dos períodos políticos máis lonxevos no mundo. A súa morte provocou e provoca múltiples consecuencias que se deixarán notar nos vindeiros meses.

Unhas desas derivadas é saber cal será o futuro da Commonwealth após a desaparición da súa principal valedora. O seu fillo e sucesor, Carlos III, non conta co consenso que si representaba Isabel II e que lle permitiu manter a unión do organismo.

Neste sentido, moitos destes países xa levaban anos dando a entender que, no momento do falecemento de Isabel II, darían os pasos necesarios para converterse en repúblicas cunha xefatura estatal propia.

O último país en cambiar a monarquía pola república foi Barbados. A finais de 2021, e coincidindo co 55 aniversario da independencia do país, Sandra Mason asumiu o cargo de presidenta de Barbados, substituíndo Isabel II como xefa do Estado. Porén, a antiga colonia británica asegurou que mantería os vínculos de amizade cos integrantes da Commonwealth.

Primeiros referendos

A primeira ex colonia do imperio británico que tomou a iniciativa foi Antigua e Barbuda. O seu primeiro ministro, Gaston Browne, xa adiantou que, nun prazo de tres anos, convocará un referendo para que a poboación poida decidir se este país do Caribe constitúese como república ou segue baixo a coroa do Reino Unido.

Australia é un dos grandes territorios que aínda segue baixo a xefatura de Estado da monarquía británica. O seu primeiro ministro, Anthony Albanese, subliñou esta segunda feira que “non é apropiado” pór sobre a mesa un posíbel referendo mentres están a decorrer os funerais institucionais de Isabel II.

Non é probábel que a poboación australiana poida votar até, cando menos, o comezo da vindeira lexislatura, se quere seguir con Carlos III como xefe de Estado. O propio Albanese asumiu ese compromiso no caso de volver ser elixido como primeiro ministro de Australia.

Comentarios