Nova data decisiva: 17 h, plenos no Parlament e no Senado

O debate agora no soberanismo é a forma en que se fará a DUI

Puigdemont non irá ao Senado porque entende que non ten nada que falar cos que, con independencia do que el diga ou faga, teñen xa tomado a decisión de liquidar o autogoberno catalán. O debate neste momento no soberanismo non é tanto se DIU ou eleccións antecipadas, senón sobre como materializar a proclamación da República catalá. Non está a ser unha discusión pacífica e agárdase a demisión de Santi Vila, referente de certos sectores empresariais no Govern.

Diada 2017
photo_camera Unha imaxe da Diada 2017

Nas últimas horas a presión sobre Puigdemont para convocar eleccións antecipadas e safar así dos efeitos da aplicación do 155 foi moi intensa. Vinda quer de aparatos mediáticos -desde os unionistas El Periódico e La Vanguardia até o soberanista Ara- quer de sectores do PDeCAT -liderados polo conseller de Empresa, Santi Vila- quer desde instancias do empresariado catalán que si poderían sintonizar cunha proposta nacionalista de mínimos -herdeira do posibilismo pujolista-, mais non cunha opción de ruptura nacional e republicana.

O debate saldouse co triunfo do sector que non quer pór en perigo a unidade de acción do soberanismo. Ir a eleccións antecipadas sen previamente declarar a independencia sería tanto como enterrar o procés e rachar a alianza de JxSí e a CUP. O taboleiro político catalán ficaría totalmente alterado e podería emerxer unha alternativa de maioría transversal con ERC e os comúns como aliados. Esa perspectiva é a que Puigdemont e sectores do PDeCAT liderados por Artur Mas -o dirixente con máis influencia na antiga Convergència- non queren ver materializada. Hai outros segmentos do partido, que agora terían Sant Vila como referente, que até ven desexábel un futuro goberno de coligazón ERC-Comúns para así eles teren as mans libres e ir a un proceso de refundación desde a oposición.

En todo caso, o procés vivirá este 26-O unha enésima xornada decisiva, cunha hora riscada en vermello na axenda. As 17 horas darán comezo ao mesmo tempo un pleno no Parlament coa DUI na axenda e outro no Senado coa activación do 155 na orde do día

En todo caso, o procés vivirá este 26-O unha enésima xornada decisiva, cunha hora riscada en vermello na axenda. As 17 horas darán comezo ao mesmo tempo un pleno no Parlament coa DUI na axenda e outro no Senado coa activación do 155 na orde do día. Puigdemont finalmente decidiu non ir á Cámara alta -aínda que manexara esa hipótese nos últimos días e até tiña o apoio de ERC para o facer- co argumento de que ir a Madrid é unha perda de tempo porque o unionismo ten decidido arrasar o autogoberno catalán. O president deu a coñecer a súa decisión por meio das redes sociais. Nelas está a empregar un moi elocuente e indicativo cancelo, #CatalanRepublic.

DUI si, mais como?

O debate no seo do soberanismo estaría, portanto, parcialmente finiquitado. Non a ir ao Senado, si a declarar a independencia. O asunto é como. Para dilucidar precisamente o como Puigdemont mantivo esta cuarta feira contactos no Palau da Generalitat primeiro co núcleo duro do seu Govern -e con personalidades relevantes como Artur Mas ou o chefe do grupo parlamentario de JxSí, Lluís Corominas- e logo xa con representantes da Assemblea Nacional Catalana e Òmnium cultural, os colectivos soberanistas cuxos líderes -os Jordis- cumpren desde hai días pena de prisión incondicional preventiva en Soto del Real.

Esa reunión, que deu comezo por volta das 19 horas, prolongouse até as 2 da mañá e concluíu sen acordo sobre a forma en que se realizará a DUI. Ao non haber consenso, Puigdemont voltou a convocar unha cimeira para as 10 horas desta quinta feira.

Segundo fontes do procés citadas polo xornalista Ernesto Ekaizer, a táctica de Puigdemont no pleno desta quinta feira é a de wait and see, agardar e ver. Antes de declarar a independencia, quer ver como se desenvolve o debate no Senado, que será na práctica en paralelo. Gaña así o president 24 horas. A idea sería apresentar a DUI como unha resposta ao 155. O pleno do Parlament continuará a sexta feira. A ANC ten convocada unha concentración para ese días ás 12 horas, xémea da que protagonizou o pasado 10-O, cando en teoría Puigdemon ía proclamar a independencia tal e como prevía a Lei do Referendo. Que a Assemblea volte a convocar as súas bases é un sinal de que ten atado co Govern a DUI. Non tería sentido que fose abocar a súa xente a unha nova decepción, como a que sofreron o 10-O no momento en que Puigdemont proclamou non a independencia, senón a súa suspensión.

A Assemblea Nacional Catalana ten convocada unha concentración para a sexta feira ás 12 horas, xémea da que protagonizou o pasado 10-O

A partir daí, as opcións a tomar por Puigdemont son diversas, mais en principio redutíbeis a tres:

1.-DUI e eleccións antecipadas con carácter constituínte.

2.-DUI sen eleccións antecipadas.

3.-Eleccións antecipadas sen DUI.

A opción 3 é a que máis forza ten neste momento, mais non é totalmente desbotábel, nomeadamente porque nas próximas horas se poden intensificar as presións -mesmo desde a esfera internacional- e tamén porque as tensións no Govern se poden reproducir no seo da Mesa do Parlament, avanza na súa edición desta quinta feira La Vanguardia.

Non hai esquecer que a acción do poder xudicial estatal pende como unha espada de Damocles sobre o soberanismo. Hai en curso unha querela do fiscal xeral do Estado, José Manuel Maza, contra Puigdemont por un delito de rebelión. Poucas brincadeiras con iso. Podería supor unha pena de prisión de até 25 anos. O delito de rebelión no código penal español está moito máis penado que o de integración nunha organización terrorista. Puigdemont xa o ten asumido, mais no horizonte planexa a ameaza da Fiscalía de estender esa querela tamén aos membros da Mesa do Parlament que voten calquera alteración da orde do día que conduza á proclamación da independencia -non prevista no motivo de convocatoria do pleno desta quinta feira por unha obvia reserva preventiva para evitar a intervención do Tribunal Constitucional.

Destarte, o soberanismo, que xa gañou a batalla no seo do Govern, debe agora tamén prevalecer no debate na Mesa do Parlament. Certo é que nese órgao o independentismo ten a maioría absoluta, mais non é menos verdade que non todos os soberanistas que o integran teñen a tal hora a mesma posición sobre o que facer nestas novas horas decisivas.

Comentarios