VÍDEO NO INTERIOR

Miguel Tellado eleva o ton contra Pedro Sánchez: "Debería irse deste país nun maleteiro"

"Por permitir esta humillación do noso país, por permitir a humillación do noso Estado de Dereito e por permitir a humillación da separación de poderes esencial en calquera democracia, creo que debería irse deste país nun maleteiro o propio Pedro Sánchez", afirmou esta segunda feira o dirixente do PP.
O vicesecretario de Coordinación do PP, Miguel Tellado, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
photo_camera O vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

O vicesecretario de Organización do Partido Popular, o galego Miguel Tellado, asegurou esta segunda feira que o presidente en funcións do Goberno español, Pedro Sánchez, "debería irse deste país nun maleteiro" por "permitir esta humillación" a España e ao Estado de Dereito, dixo, referíndose á Lei de amnistía, cuxo borrador se coñeceu hoxe —e pode consultarse íntegro nesta ligazón— e polos pactos dos socialistas con partidos independentistas, así como que a cidadanía do Estado español vaia ver en directo "o regreso" de Carles Puigdemont ao aeroporto barcelonés do Prat.

Nunha rolda de prensa na sede do PP, tras a reunión do comité de dirección do partido que presidiu Alberto Núñez Feixoo, sinalou que a democracia española "está ameazada pola irresponsabilidade de quen perdeu as eleccións", porfiando na falacia da 'lista máis votada' malia ser o sistema electoral español parlamentario e non presidencialista. "E a pesar diso pretende seguir á fronte do Goberno de España cos votos daqueles que queren debilitar España", salientou.

O dirixente do PP acusou Sánchez de ser o "maior perigo para a democracia española" e de estar "a renunciar día a día á separación de poderes". De feito, sinalou que a data do debate de investidura esta cuarta e quinta feira nin sequera foi posta polo Executivo, senón que "a puxeron desde Waterloo", en alusión a Puigdemont.

Segundo Tellado, Sánchez "converteu Waterloo na nova capital de España" e "alí decidirase todo e controlarase absolutamente todo". Ao seu entender, é unha nova humillación que Sánchez estea "a condenar todo un país a ter que asistir en directo a través das televisións de toda España ao regreso do señor Puigdemont ao aeroporto do Prat".

"Por permitir esta humillación do noso país, por permitir a humillación do noso Estado de Dereito e por permitir a humillación da separación de poderes esencial en calquera democracia, creo que debería irse deste país nun maleteiro o propio Pedro Sánchez", exclamou, lembrando así a saída de Puigdemont tras a declaración de independencia —logo suspendida— no maleteiro dun coche.

"Engano masivo" de Sánchez

Pouco despois, ao ser preguntado polas súas propias palabras, o propio Tellado sinalou que a súa proposta de que Sánchez abandone o país dentro do maleteiro dun coche é "un chascarrillo" ante o "engano masivo que supón o comportamento de quen se presenta a unhas eleccións defendendo unha cuestión e ao día seguinte defende exactamente o contrario".

Tellado sacou peito das protestas convocadas polo PP este domingo en todo o Estado español, unhas mobilizacións que, ao seu xuízo, marcarán "un antes e un despois na historia democrática" do país porque quedou claro que "España non permanece en silencio ante os atropelos democráticos impulsados por Sánchez". De feito, comparou esas mobilizacións coas que se produciron contra o terrorismo, como tras o secuestro de Miguel Ángel Blanco.

Comentarios